Publicador de contidos

Publicador de contidos

A suba dos combustibles afoga a economía dos taxistas

A suba dos combustibles afoga a economía dos taxistas

Os carburantes subiron un 40 % pero non poden repercutilo no prezo da viaxe

Piden que a Xunta autorice a suba de case un 10 % na tarifa interurbana

Solicitan ao Ministerio de Transporte axudas para a compra de combustible

G24.gal 15/03/2022 12:22

Aos taxistas non lles dan as contas. 

"Nós temos as tarifas de sempre, non subimos nada, así que co prezo do gasóleo estamos traballando por traballar", explica un taxista na parada da praza de Galicia, en Santiago.

O gasto mensual en combustible supón agora ata 400 euros máis, pero as tarifas para os pasaxeiros son as mesmas. Por iso, xa solicitaron á Xunta subir preto dun 10 % os prezos dos tramos interurbanos. Jesús García Gómez, presidente de Radiotaxi Compostela explica que "é unha tarifa que levaba conxelada desde 2014 e cómpre actualizala despois desta suba tan grande".

A asociación nacional Antaxi solicitou tamén unha reunión coa ministra de Transporte. Pediranlle axudas na compra de combustible. O obxectivo, sobrevivir a unha escalada de prezos que, segundo din, os deixa sen marxe de negocio. 

"Pedimos que nos bonifiquen o combustible, como teñen agricultores, mariñeiros e, en parte tamén, os transportistas de camións", aclara Jesús García, desde a parada do aeroporto de Santiago.

Medidas excepcionais coas que tentar sortear o revés nun sector onde chove sobre mollado.

"Xa viñamos de dous anos de estar parados coa pandemia, de non traballar, de estar sufrindo moito o sector e agora vén isto", lamenta un taxista do centro de Compostela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade