A Semana Santa deixa pegada nas incidencias da covid pero non nas UCI, que seguen estables
O indicador en maiores de 60 anos sitúase xa por riba dos 1.000 casos por cen mil habitantes
O nivel de ocupación hospitalaria pasou a risco medio
A incidencia está medrando, era algo esperable segundo os expertos, trala Semana Santa e a retirada do uso obrigado da máscara en interior. A pregunta é se debería preocuparnos isto.
"A resposta é que non. No que debemos fixarnos é na ocupación hospitalaria", explica o epidemiólogo Quique Bassat.
Fixándonos neses datos de ocupación hospitalaria, como piden os expertos, vemos porcentaxes baixas en UCI. En Galicia están ocupadas só 23 camas das 560 dispoñibles. E levamos dous meses por baixo do 5 %. É a ocupación máis baixa dos últimos vinte meses de pandemia. A cousa cambia en planta, onde a ocupación supera o 8 %.
"Probablemente moitas da persoas ingresadas estean ingresadas non por covid, senón por outra patoloxía e, claro, fanlles a proba e dan positivo", explica o catedrático de Saúde Pública da USC Alberto Ruano.
Nas últimas horas coñecemos un novo balance das cifras globais da pandemia. Máis de once millóns de casos e de cen mil falecidos, cunha taxa de mortalidade de 219 por 100.000 en España. E en Galicia, máis de seiscentos mil casos, máis de tres mil trescentos falecidos, e unha taxa de mortalidade menor, de 122 por 100.000.
"A pandemia non acabou e hai que extremar as precaucións cando as incidencias están tan altas"
Debemos, dinnos, seguir monitorizando o que ocorre, aplicar as medidas de protección que coñecemos, pero non alarmarnos, porque estas repuntas, segundo as autoridades sanitarias, non van impedir que sigamos avanzando cara á normalidade.