Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda lembraralle a Sánchez a promesa do PSdeG dunha AP-9 de balde para Galicia

Rueda lembraralle a Sánchez a promesa do PSdeG dunha AP-9 de balde para Galicia

O líder do PSdeG aféalle a Rueda que os populares votaran en contra das bonificacións da autoestrada e denuncia os "déficits" en calidade democrática da Xunta do PP

Pontón afirma que os recortes en Atención Primaria "son un perigo para os galegos" e cífraos en 2.139 millóns de euros

G24.gal 15/05/2024 08:36 Última actualización 15/05/2024 13:31

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegura que cando acuda á primeira reunión co presidente do Goberno levará un asunto na carteira: lembraralle a Pedro Sánchez a promesa dunha AP-9 gratis feita durante a campaña electoral das autonómicas polos socialistas galegos.

Foi na sesión de control do Parlamento de Galicia, onde o portavoz parlamentario e secretario xeral o PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afeou aos populares "votar en contra" das bonificacións da AP-9. En concreto, Besteiro referíase á votación dunha iniciativa impulsada polo BNG para anular a prórroga de 25 anos concedida á concesionaria Audasa, que saíu aprobada por unanimidade.

Rueda xustificou o voto en contra do seu grupo lembrando que os socialistas dixeron que a vía "ía ser gratis e avanzou que cando acuda a Moncloa reunirse co presidente do Goberno lembraralle ese compromiso adquirido polos socialistas galegos durante a campaña electoral: "Que estamos a falar de bonificacións? Imos por todas, señor Besteiro, seguindo o seu compromiso", dixo Rueda.

Besteiro critica "os déficits" en calidade democrática da Xunta

O debate sobre a gratuidade da AP-9 coouse na sesión de control, na que o socialista, José Ramón Gómez Besteiro, criticou os "déficits" en calidade democrática na xestión do PP á fronte da Xunta.

O líder do PSdeG considera que o Goberno debe dar conta do seu labor no Parlamento, na Valedora do Pobo e no Consello de Contas. Afirma que "máis aló do ámbito institucional" incorporar a unha persoa condenada por un delito de violencia de xénero ao Partido Popular na Illa de Arousa "poden ser legais" pero "desde logo non exemplares".

Besteiro insta o Goberno do PPdeG a cumprir coa Lei de Medios Públicos de Galicia e renovar a dirección da CRTVG despois de máis de 15 anos de incumprimentos e 312 semanas de protestas. 

Pontón afirma que os recortes en Atención Primaria "son un perigo para os galegos"

A situación da Atención Primaria centrou a intervención da portavoz nacional do BNG na sesión de control ao Goberno celebrada no Parlamento de Galicia. Ana Pontón asegura que os recortes realizados pola Xunta do PP "son un perigo para os galegos" e cífraos en 2.139 millóns de euros.

Os nacionalistas denuncian que Galicia é a cuarta comunidade de todo o estado con máis vacantes despois de que a Xunta deixara 42 prazas de médicos MIR sen cubrir na última convocatoria.

O presidente da Xunta asegura que Pontón "volve mentir" coas cifras e reivindica que a sanidade galega ten "en xeral boa imaxe fóra". Segundo Alfonso Rueda, o seu Goberno dedica 700 millóns de euros máis á Atención Primaria e cobre o dobre de prazas MIR que no bipartito no seu último ano de xestión.

Na sesión de control, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os líderes dos grupos da oposición acusáronse mutuamente de seguir directrices de fóra de Galicia, marcadas polos partidos estatais e os independentistas. 

As eleccións catalás "cóanse" na sesión de control

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou a súa intervención para lembrarlle á líder do BNG os recentes resultados electorais dos "seus socios" de ERC nos comicios autonómicos deste domingo. Felicitouse porque "os cataláns abrisen os ollos" e, tirando de ironía, Rueda díxolle a Pontón: "Estivo moi calada esta semana", tras lembrarlle que concorrerán canda eles ás vindeiras eleccións europeas.

Pontón recrimínalle ao presidente da Xunta: "Eu pregunto por sanidade e vostede vén aquí falar de independentismo?". A líder do BNG pídelle a Rueda que se centre e deixe de "botar balóns fóra".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade