As eólicas deberán vender "polo menos" o 50 % da enerxía producida ás empresas galegas
As eólicas deberán vender "polo menos" o 50 % da enerxía producida ás empresas galegas
O obxectivo, segundo Lorenzana, é facilitar o acceso a estes contratos ás pemes galegas evitando flutuacións de prezo
A conselleira de Industria comparece a petición propia no pleno do Parlamento para informar sobre as liñas xerais do seu departamento
Os promotores eólicos deberán asinar PPA (acordos a longo prazo cun prezo fixo) con empresas galegas "polo menos" polo 50 % da enerxía producida.
Así o anunciou este martes no pleno do Parlamento a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, onde comparece a petición propia para dar conta das liñas estratéxicas do seu departamento para este mandato.
O obxectivo desta medida "transitoria" é conseguir o "autoabastecemento" enerxético e "anticipar" algún dos principios que contemplará o novo plan eólico da Xunta, segundo destacou a titular da consellería.
Segundo Lorenzana, con isto preténdese "dar acceso ás PPA a empresas pequenas e medianas que actualmente no mercado non tiñan capacidade para asinar estes contratos", e que "ese 50 % da enerxía producida polos parques quede fóra das flutuacións de prezo do gas en Galicia".
O Parlamento debate unha proposición de lei do BNG para reestruturar o Sistema Galego de Saúde
O Parlamento de Galicia debate este martes a toma en consideración da proposición de lei do Bloque Nacionalista Galego para a reforma da Lei 8/2008, do 10 de Xullo, de Saúde de Galicia.
Con ela, os nacionalistas pretenden asegurar unha dotación orzamentaria mínima destinada a garantir a suficiencia funcional e financeira da Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, eliminar os distritos sanitarios e estruturar territorialmente o sistema galego de saúde en catorce áreas sanitarias.
O plenario tamén dirimirá mocións sobre contratacións en materia de transporte, sobre os cambios previstos na nova lei de medios de comunicación para a elección de director ou directora xeral da CRTVG e a emisión de producións en castelán e sobre a revisión do sistema de financiamento da Administración local.
A sesión pode seguirse en directo en G24.gal.