A resistencia do Deportivo Abanca diante do Barcelona durou unha hora (0-2)
O Barça tivo que botar man das súas grandes estrelas no segundo tempo para lograr o triunfo en Riazor con goles de Marta e Alexia Putellas
Algo máis dunha hora durou a resistencia do Deportivo Abanca diante do Barcelona no partido da Liga Feminina xogado en Riazor e que rematou con triunfo visitante por 0-2, goles de Marta Torrejón e Alexia Putellas.
Fixo moitas rotacións o técnico do equipo catalán e no primeiro tempo non conseguiu superar a defensa que realizou o Deportivo Abanca. Avisou aos trinta segundos Carla Juliá na oportunidade máis clara do primeiro tempo e só Fenger volveu ameazar a porta dunha Inés Pereira moi segura ata chegar ao descanso.
Non ían ben as cousas para un Barcelona no que Salma Paralluelo estrelou un remate contra o poste no minuto 52. Tivo que botar man o adestrador visitante das súas estrelas Claudia Pina, Alexia Putellas, Caroline Graham e Ewa Pajor para resolver o partido. O gol chegou no minuto 65, un centro chut de Marta que acabou na rede nunha acción que precisou a revisión do FVS durante máis de cinco minutos. Alexia Putellas, no 78, tirou proveito dun envío de Graham para poñer o marcador definitivo.