Publicador de contidos

Publicador de contidos

A renovación da pista do aeroporto de Santiago arranca esta martes en horario nocturno

A renovación da pista do aeroporto de Santiago arranca esta martes en horario nocturno

Ata o 22 de abril as obras realizaranse na nocturnidade, entre as 23:30 e as 5:30 da madrugada, e teñen previsto continualas en horario diúrno polo que o aeroporto compostelán pechará durante 35 días, ata o 27 de maio

Imaxe da pista do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela Imaxe da pista do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela
G24.gal 08/01/2026 14:28

A primeira fase da renovación do pavimento da pista do aeroporto de Santiago de Compostela comezará o vindeiro martes 13 de xaneiro en horario nocturno e desenvolverase ata o 22 de abril, cando se procederá a pechar a pista durante 35 días.

Aena informou este xoves en nota de prensa de que esta primeira fase dos traballos na Lavacolla realizarase entre as 23:30 e as 5:30 horas para minimizar o impacto nas operacións.

O día 22 de abril continuaranse as actuacións en horario diúrno, o que implicará o peche da infraestrutura compostelá durante un total de 35 días, ata o 27 de maio.

A obra foi adxudicada ás empresas Padecasa Obras e Servizos S.A., Infraestruturas Conelsan S. A., e F. Gómez e Cía S. L. por un importe de 26,6 millóns de euros, cun prazo de execución de quince meses.

A renovación do pavimento da pista contará cun alcance de máis dun metro de profundidade en catro zonas determinadas, de máis de 19.000 m2, para o que se usará un total de 73.000 toneladas de asfalto.

"Estes traballos permitirán alongar a vida útil da pista e adecuala para a operativa futura", referiu Aena.

Ademais da devandita actuación, están previstas a renovación do balizamento e da drenaxe no campo de voos, a nivelación do terreo das áreas críticas e as franxas de seguridade a ambos os dous lados da pista e a renovación dos sistemas ILS (aterraxe por instrumentos).

A renovación do sistema de balizamento e da drenaxe no campo de voos, "que axudará a mellorar a eficiencia enerxética" do aeroporto, inclúe cambios nos cables, coa instalación de máis de cen quilómetros de cable, arredor de novecentas novas balizas LED e 6,5 quilómetros de novos canlóns de drenaxe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade