A reacción do Celta B queda sen tempo (2-2)
Comezou gañando o Alxeciras cun dobrete de Elejalde
Losada e Damián marcaron nuns últimos vinte minutos en que o Celta B engarrafou o seu rival
O Celta B empatou co Alxeciras (2-2) nun encontro no que comezou perdendo por 0-2 e tivo ocasións dabondo para gañar.
Comezou do peor xeito o partido. Elejalde marcaba para o equipo andaluz no primeiro achegamento de perigo. O Celta B non estivo fluído na primeira parte e apenas puido xerar perigo. Todo cambiou coa expulsión de Tomás Sánchez que obrigou o Alxeciras a defenderse con dez durante unha hora.
Co Celta B emborcado e gozando de oportunidades chegou a xogada do 0-2 na que repetiu Elejalde. Parecía imposible sacar algo positivo do encontro pero, con todo perdido, o filial botouse ao ataque e conseguiu forzar un penalti que transformou Iker Losada. No 83 Damián marcaba un gol de falta directa e con dez minutos por diante o Celta B mereceu culminar a remonta pero faltoulle efectividade no remate.