A prezenza de drons deixa a centos de pasaxeiros tirados no aeroporto de Bruxelas
Nas últimas horas 54 voos cancelados
Entre 500 e 1000 pasaxeiros afectados pasan a noite no aeroporto
Viaxeiros no aeroporto de Bruxelas (EUROPA PRESS)
Centenares de viaxeiros que esperaban voar desde o aeroporto de Bruxelas-Zaventem na mañá deste mércores permanecen a espera, tras a cancelación de 54 voos debido ao peche temporal do espazo aéreo pola presenza de drons nas proximidades da terminal.
O aeródromo, que anunciou a interrupción do tráfico aéreo en dúas ocasións durante a pasada noite "por razóns de seguridade", renovou paulatinamente a súa actividade este mércores, con decenas de voos atrasados e a cancelación de 22 voos saíntes da capital belga e outros 32 entrantes.
Entre os voos suspendidos que prevían saír de Bruxelas durante a mañá, tres destinábanse ás cidades españolas de Madrid, Bilbao e Santa Cruz de Tenerife, desde onde tamén deixarán de saír tres voos con destino a Bruxelas, informou a EFE o aeroporto belga.
Os viaxeiros cheos de incerteza foron atendidos con auga e comida por traballadores do aeroporto, mentres esperaban unha alternativa aos seus voos xunto con outras decenas de afectados.
Antón, un dos pasaxeiros que lidia ca suspensión do seu voo de regreso a Bilbao anulado"sen explicación", denuncia que a única alternativa que recibiu por parte da súa compañía aérea foi a recolocación noutro avión que parte de Bruxelas este sábado: "Non ten ningún sentido. No meu caso, case que é mellor ir en coche ou en tren".
A pesar da falta de explicacións nun principio, os pasaxeiros foron recibindo máis información durante a mañá, como explica Daniel, que tamén viaxaba a Bilbao: "Dixéronnos que había dous drons no aeroporto, parece ser o problema polo cal cancelaron os voos. Por seguridade. Iso enténdoo. Voarei hoxe ou igual mañá"
O nicaraguano Félix, que prevía voar a Berlín, coincide en que "despois de insistir moito" informáronlles de que as suspensións "teñen que ver cun incidente de drons recente, que non pon en perigo a infraestrutura, pero si fai unha disrupción do espazo aéreo". "No meu caso, colocáranme para outro voo, pero tamén o volveron a suspendelo e agora estou a esperar a unha terceira alternativa", lamenta.
Con maior incerteza móstrase o vietnamita Vince, cuxo visado por traballo en Europa caduca este mércores: "Iso significa que teño que saír de Europa antes de que acabe o día de hoxe; se non, non se que pasará despois".
Finalmente, o aeroporto de Bruxelas informou de que as saídas e entradas fóronse renovando, despois de que, segundo o diario belga Nieuwsblad, entre 500 e 1.000 persoas pasaron a noite no aeroporto, con camas, comida e bebida proporcionadas polo aeródromo.
Aos incidentes en aérodromos belgas súmanse outros avistamentos de drons nas últimas semanas, mesmamente, a pasada fin de semana preto da base aérea militar de Kleine-Brogel, próxima á fronteira con Países Baixos.
Así, as autoridades belgas preparan un plan acelerado de resposta a estas incursións e, mentres tanto, o Exército deu ordes de derrubar os aparellos se pode facerse "sen causar danos colaterais", ademais de deducir que os incidentes podían tratarse de intentos de espionaxe por parte de Rusia.