A Ponferradina supera ao Lugo no derbi dos Ancares (0-2)
Borja Valle foi determinante; marcou un gol e deu o pase do outro
O Lugo xogou case media hora cun menos por expulsión de Jorge
Segunda derrota consecutiva dos galegos na casa
Hai días tortos nos que as cousas non van, días como o que esta xornada tivo o Lugo. Un deses días nos que o rival, na primeira, xa te estampa; gol de Andújar, tras un envío de Borja Valle (minuto 4). Días en que o balón parece que non quere e todo torna en problemas, con penalti en contra que Íker Piedra lle acabou por sacar a Cortés. A Ponferradina amouse como un conxunto serio, sólido, deses que sabe a que xoga. A primeira parte foi deles.
Na segunda, Iago tratou de darlle volta cos cambios e, por momentos, pareceu que podería. Unzueta avisaba. Pero pouco máis tempo deu que para ese aviso porque, aos 63 minutos, chegou a expulsión de Jorge González. E complicou o partido. A Ponfe aguantou cando debeu e soubo aproveitar a superioridade, a necesidade galega, para acabar por pechar cun gol de Borja Valle (minuto 74). Nos minutos finais, o Lugo ata fallou un penalti.
Segunda derrota do Lugo de xeito consecutivo na casa. No día no que o Anxo Carro preparaba o asalto ao playoff, no dia no que se estreou como titular Perera, no día do derbi dos Ancares... non houbo festa. Lugo 0 - Ponferradina 2.