A Policía Nacional intercepta en augas de Cabo Verde un barco con mil quilos de cocaína que viña cara a España
A Policía Nacional intercepta en augas de Cabo Verde un barco con mil quilos de cocaína que viña cara a España
A operación coordinábaa o cártel dos Balcáns, que xa intentou descargar un alixo de dúas toneladas nas costas galegas a mediados deste mes
Foi unha operación conxunta das policías española e portuguesa e coa colaboración da Intelixencia estadounidense. Os axentes interceptaron o buque no Atlántico, a 600 millas de Cabo Verde, xusto antes de que transvasaran a droga a varias lanchas.
Na cuberta do barco localizaron 40 fardos, en que calculan que transportaban unha tonelada de cocaína con destino a España. Durante a operación detiveron os seis tripulantes do pesqueiro, dous de nacionalide albanesa e o resto güianeses. O barco remólcase cara ao porto de Arrecife, en Lanzarote.
Non transcendeu cal sería o destino da droga, pero si que é novamente o cártel dos Balcáns o que dirixía o operativo. Probablemente o mesmo que este mesmo mes pretendía introducir por Alxeciras un alixo de 9.500 quilos e outro de 2.300 pola ría de Pontevedra.