A pobreza e a marxinalidade favorecen a aparición de cancros e dificultan os tratamentos
A Asociación Española Contra o Cancro di que o 10 % dos diagnosticados o ano pasado estaban en situación de vulnerabilidadade socioeconómica.
En Galicia atenderon e axudaron economicamente máis de 250 familias
A Asociación Española contra o Cancro denuncia hoxe, no Día Mundial contra o Cancro, as desigualdades fronte á enfermidade. Segundo advirten, o 10 % dos doentes diagnosticados o ano pasado estaban en situación de vulnerabilidade socioeconómica.
Afirman que as persoas vulnerables teñen máis probabilidade de padecer cancro, de ter diagnóstico tardío ou de afrontar maiores dificultades económicas para facerlles fronte aos tratamentos e ás súas consecuencias.
"Unha familia ten un custo medio ante un diagnósitco de cancro duns 10.000 euros. Evidentemente hai familias con precariedade económica que asumir iso lles resulta moi gravoso".
"A nivel galego atendemos máis de 250 familias en situación precaria laboral e axudámoslles tamén economicamente", asegura Dolores Estrada, da Asociación Española contra o Cancro.
A Asociación reclama investigación para acabar coa doenza, que causou arredor de 113.000 mortes en 2020 en España, segundo un informe da Sociedade de Oncoloxía Médica, que este ano pevé outros 280.000 novos casos. Malia todo, a mensaxe non é negativa, xa que cada vez curan máis tipos de cancro.
"Dinche que tes un cancro de útero, que o van sacar, grazas a Deus saíu todo ben, din que limparon ben, pero escapóuselles unha célula. Entón apareceu o outro cancro, pasamos por quirófano e grazas a Deus tamén todo moi ben", di Monse Maceiras, que xa pasou un cancro de útero e outro de ril.
A Asociación contra o Cancro denuncia tamén desigualdades territoriais. Lembra que os programas de cribado, por exemplo, non se realizan en todas as comunidades españolas e que nalgunhas provincias non hai tratamentos de radioterapia.