A planta de San Cibrao segue dando perdas, pero en Alcoa son "optimistas"
"A situación mellorou, mellorou moito, grazas á baixada do prezo do gas", explican desde o comité de empresa

A dirección de Alcoa informou ao comité de empresa da planta de San Cibrao nunha reunión que tivo lugar este mércores de que a "situación" da planta de Alúmina, dentro do complexo industrial mariñán, mellorou" e, aínda que segue dando perdas, na multinacional son "optimistas".
En declaracións aos medios de comunicación, despois desa reunión, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicou que a compañía está a traballar en posibles "solucións" para volver facer rendible a produción de alúmina.
"Dixéronnos que a situación mellorou, mellorou moito, grazas á baixada do prezo do gas, pero seguimos tendo problemas e perdas", explicou Zan en declaracións aos medios de comunicación.
Tamén aclarou que "nesa situación está a traballar Alcoa, para buscar solucións", iniciativas que dará a coñecer ao comité "nunha próxima reunión, dentro dunhas semanas".
Nunha segunda reunión, centrada nos investimentos para modernizar a planta de aluminio primario, a empresa informou o comité de que a maioría das actuacións previstas seguen o seu curso, salvo no caso dun "forno de ánodos de gran tamaño", porque a compañía dixo que probablemente non lle dará tempo a telo operativo para o rearranque da fábrica, en xaneiro de 2024.
Sobre esta situación, para negociar co comité, Alcoa ten previsto convocar á representación dos traballadores a unha reunión específica.
En todo caso, José Antonio Zan, dixo que "se non lles dá tempo" a telo en funcionamento é "problema de Alcoa", porque no acordo figura un "forno de ánodos de gran tamaño" e iso é o que vai esixir o comité. "Veremos que dá de si esa negociación", concluíu.