Claudio Giráldez: "Non contabamos con isto nin os máis optimistas"
O adestrador porriñés valorou o triunfo despois de sufrir moito no segundo tempo: "Este partido na primeira volta perdiámolo"
Foi un exercicio de madurez a vitoria do Celta no campo da Real Sociedade. O equipo vigués queda con 52 puntos, unha cifra que podería chegar para acadar un posto entre os oito mellores do campionato e ter pasaporte para xogar unha competición europea a vindeira temporada.
"Non contabamos con isto nin os máis optimistas" dixo Giráldez na comparecencia posterior ao partido. "Fala de que todo o mundo no club está facendo as cousas ben, desde os xogadores, os afeccionados, o ambiente...", asegurou. Sobre o partido, recoñeceu o sufrimento na segunda metade, na que o equipo xogou metido no seu campo: "Sufrimos moito, pero este tipo de partidos perdiámolos na primeira volta e tamén por iso estou contento", comentou Giráldez.
O adestrador donostiarra Imanol Alguacil estaba triste logo de quedar sen opcións de xogar en Europa por sétimo ano consecutivo. Imanol puxo polas nubes o cadro vigués: "O Celta está sendo superior a case todos os rivais contra os que xoga. Tivo moito mérito o partido que fixemos".