A pelexa pola segunda posición do Deportivo e o Rácing verémola na G2
O Rácing recibe o Talavera na Malata (17:00 horas, G2)
Xusto despois comeza o partido do Deportivo diante da UD Logroñés (19:00, G2)
Esta xornada vén intensa na Primeira Federación. E poderana seguir nesta casa, na Televisión de Galicia. Ás cinco da tarde do sábado comeza a xornada para os galegos: o Racing de ferrol recibe o Talavera de Manuel Mosquera. Os de Parralo teñen a única baixa segura de Álex López, por ciclo de tarxetas. Os departamentais queren pechar canto antes a clasificación para o playoff de ascenso. Será un partido difícil para os verdes.
Xusto despois, ás sete da tarde, o Deportivo da Coruña recibe o quinto, o Logroñés. E tamén pola G2. A actualidade dos coruñeses pasa por temas alleos ao partido, coma os puntos do Athletic B, ou o despedimento de Menudo. Os de Borja Jiménez queren estar centrados no que vaia pasar no campo, queren asegurar a segunda praza.
O Celta B ten que viaxar á casa do líder, o Racing de Santander. Os cántabros levan dezaoito partidos sen perder, e puntos do Athletic B mediante, teñen o ascenso directo asegurado. Os de Onésimo buscarán amolarlles a festa coma xa fixeron na primeira volta cando o Rácing caeu en Barreiro con remonta incluída do filial celeste.