A pegada dos maragatos en Lugo segue viva
Foron os pais do comercio moderno na provincia
Chegaban dende Castela e León para comerciar con produtos novos
Chegaron a ter moito poder nos gobernos locais
Os veciños de Lugo levan máis dun século convivindo cos maragatos, uns comerciantes chegados de Castela e León que son, para moitos, os pais do comercio moderno. Recalaron, por exemplo, na rúa San Pedro da capital lucense, nunha tenda que segue aberta grazas á neta dos fundadores orixinais. Hoxe especialízanse na venda de cordeis, pero durante todos estes anos foron vendendo produtos moi variados, como xamóns, aparellos para animais ou incluso recambios para bastóns.
Temos exemplos dos maragatos tamén en Cospeito, onde tiñan unha tenda que seguen lembrando moitos veciños. Foron dos primeiros en vender alimentación a granel no concello. Todo nunha tenda que hoxe esta a venda tal e como a deixaron os seus donos orixinais. Grazas a ela, podemos facer unha volta ao pasado e lembrar esas marcas e produtos que hoxe xa non están entre nos.
A influencia no comercio servía tamén para gañar poder. Moitos dos maragatos formaban parte dos gobernos locais ao ser das persoas que máis impostos pagaban. Existía a crenza nesa época que os que máis cartos tiñan eran os que máis tiñan que perder, por iso ofrecíanlles os postos de decisión nos gobernos. Co paso dos anos e o auxe de novas formas de comerciar, foron perdendo a súa influencia.
Hoxe, tendas como a de Lugo semellan máis un museo. Precisamente a idea da maragata que agora leva a tenda de Lugo, a neta do fundador, ten a idea de que todo se converta nunha fundación cando ela falezca.
Unha idea que sairá adiante grazas a axuda, entre outros, do periodista e escritor Xulio Xiz, que escribiu un libro sobre a pegada maragata en Lugo e quere seguir traballando para achegar a súa historia a todos os lucenses.