A OTAN considera que España terá que gastar o 3,5 % do PIB para cumprir os requirimentos militares
"Na OTAN non hai cláusulas de exclusión e non entende de pactos ou acordos paralelos", dixo Rutte, secretario xeral da organización
Putin acusa a OTAN de provocar unha carreira armamentista e reforzará o equipamento nuclear

O secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, negou este luns que concedese unha claúsula de exclusión a España para que non se comprometa a gastar o 5 % en Defensa, como pactarán os aliados no cume da Haia. Indicou que o cálculo da organización é que España terá que gastar o 3,5% do seu PIB en Defensa para cumprir os requirimentos militares pactados pola OTAN, aos que España vinculou o seu investimento militar tras pactar máis flexibilidade.
Fíxoo tras a declaración do presidente do Goberno Pedro Sánchez este domingo na que afirmou que chegara a un acordo que eximiría España de investir o 5 % do PIB en defensa.
"Na OTAN non hai cláusulas de exclusión e non entende de pactos ou acordos paralelos", resolveu o xefe político da OTAN en conferencia de prensa previa ao cumio de líderes da Haia.
"España cre que pode alcanzar eses obxectivos cunha porcentaxe do 2,1 %. A OTAN está absolutamente convencida de que España terá que gastar un 3,5 % para conseguilo", engadiu.
Así, sinalou que os países informarán sobre a evolución do seu gasto e de se completan os obxectivos de capacidades. "Xa veremos. En calquera caso, haberá unha revisión en 2029", sinalou, lembrando que a OTAN avaliará a situación.
A OTAN pechou este domingo un acordo para que os aliados se comprometan a aumentar o gasto en defensa ata o 5 % do PIB no prazo de 2035, dando flexibilidade a España para marcar a súa propia senda de gasto, nun pacto que chega días antes do cumio de líderes da OTAN.
O Goberno insiste en que España non terá que gastar o 5 % en defensa
O Goberno insiste en que o acordo alcanzado entre o presidente Pedro Sánchez e o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, dá garantías a España para non ter que investir o 5 % do PIB en defensa que segue reclamando Estados Unidos, e insiste en que gastará o 2,1 %.
Fontes de Moncloa sosteñen que o acordo alcanzado este domingo introduce unha serie de emendas que outorgan flexibilidade a España mentres que os países que queiran alcanzar ese nivel de investimento poidan facelo.
O embaixador estadounidense ante a OTAN, Matthew Whitaker insistiu en que todos os aliados que participan no cume da Haia que comeza este martes se comprometerán a elevar o gasto militar ata o 5 % do PIB, mentres o Executivo español considera que ten garantías de que ninguén poderá esixirlle un investimento maior ao previsto.
A conclusión, segundo o Executivo, é que chegou a un entendemento que permite cumprir as obrigacións marcadas pola OTAN e á vez preservar os intereses nacionais, que pasan por non gastar o 5 % en defensa senón o 2,1 %.
O cálculo que fixeron as autoridades militares españolas, segundo o Goberno, é que os fondos necesarios para chegar a esa meta equivalen ao 2,1 % do PIB. En todo caso, as fontes gobernamentais consultadas consideran que o pacto é positivo para o conxunto da Alianza porque preserva a unidade. Os países que queiran seguir a senda do 5 % poderán facelo e aqueles que non, como España, terán flexibilidade.
Na mesma liña insisten en que o pacto achega seguridade xurídica a España e mesmo sinalan que está protexido por "unha tripla chave". A primeira é a emenda que se redactou cunha "ambigüidade construtiva" que permite a España interpretar que non está obrigado a ese nivel de gasto. A segunda chave é que Rutte confirma esa interpretación, sinalando que o compromiso de España é alcanzar os obxectivos que marca a OTAN con independencia dun determinado gasto relativo ao PIB.
Por último, Sánchez volveu dirixirse ao secretario xeral para reafirmar que só nese entendemento España subscribirá o acordo que asinen os Aliados ao final do cume da Haia.