A Organización Trump, culpable de 17 cargos de evasión fiscal
O xuíz considera probados pagamentos sen declarar a altos directivos durante quince anos
Non están imputados o expresidente dos Estados Unidos nin a súa familia

A Organización Trump, a empresa inmobiliaria do expresidente dos Estados Unidos, acaba de ser condenada por 17 delitos de fraude fiscal e outros cargos financeiros nun caso penal aberto pola fiscalía de Manhattan.
O xuíz considera probado que pagaron en negro a altos directivos dende 2005 e durante quince anos, con alugueiros de luxo ou coches de alta gama. Para evadir o pagamento de impostos. Mesmo alteraban os libros de contas.
Enfróntanse a unha pena máxima de 1,6 millóns de dólares, pero os avogados da Organización Trump xa anunciaron que recorrerán contra a condena de inmediato.
Aínda que non está imputado o expresidente nin a súa familia, o veredicto supón un duro golpe para Trump, que está involucrado en máis investigacións xudiciais.