Publicador de contidos

Publicador de contidos

A OPEP+ apoba unha nova suba da cota de produción de 188.000 barrís diarios

A OPEP+ apoba unha nova suba da cota de produción de 188.000 barrís diarios

É o cuarto incremento consecutivo co que pretenden reverter os recortes voluntarios aplicados no 2023

Logo da OPEP en Viena nunha imaxe de arquivo. REUTERS/Leonhard Foeger Logo da OPEP en Viena nunha imaxe de arquivo. REUTERS/Leonhard Foeger
G24.gal 07/06/2026 16:58 Última actualización 07/06/2026 17:58

A alianza OPEP+, liderada por Arabia Saudita e Rusia, aprobou este domingo un cuarto aumento consecutivo da súa cota de produción. Malia as dificultades na exportación, provocadas polo peche de Ormuz, sobe en 188.000 barrís diarios no mes de xullo.

A decisión foi adoptada polos sete países que están a reverter gradualmente parte dos recortes voluntarios aplicados no 2023: Arabia Saudita, Rusia, Iraq, Kuwait, Alxeria, Kazakhstán e Omán, informou a Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) nun comunicado.

"No seu compromiso colectivo de apoiar a estabilidade do mercado petroleiro, os sete países participantes decidiron aplicar un axuste de produción de 188.000 barrís diarios", sinalou a OPEP.

O aumento é idéntico ao aprobado para xuño e lixeiramente inferior aos de abril e maio, de 206.000 bd cada un, tras axustar a cota pola saída dos Emiratos Árabes Unidos da organización o pasado 1 de maio.

Con esta nova decisión, incrementarían sobre o papel os seus obxectivos de bombeo en preto de 800.000 barrís diarios desde abril, dentro dun plan destinado a reverter o recorte voluntario de 1,65 millóns de barrís diarios aplicado hai tres anos para apontoar os prezos do cru.

Buques no estreito de Ormuz. REUTERS/Arquivo Buques no estreito de Ormuz. REUTERS/Arquivo

Un impacto limitado

Con todo, estes aumentos poderían ter un efecto limitado sobre a oferta real por mor das restricións ao transporte no Golfo Pérsico e da Guerra en Oriente Próximo.

O peche do estreito de Ormuz, por onde habitualmente transita preto do 20% do petróleo e gas comercializado no mundo, reduciu drasticamente as exportacións de varios dos principais produtores da alianza.

Como consecuencia, os prezos do petróleo mantéñense por riba dos 90 dólares por barril a pesar das expectativas periódicas dunha posible solución diplomática.

Os últimos datos da organización petroleira, recollidos no seu informe de maio con cifras de abril, mostran unha forte caída da produción, que descendeu ata os 33,2 millóns de barrís diarios (mbd) en abril, fronte aos case 43 mbd de febreiro, cando comezou o conflito.

A Axencia Internacional da Enerxía (AIE) estima mesmo que uns 14 millóns de barrís diarios permanecen fóra do mercado polas restricións ao tráfico marítimo e aos problemas loxísticos derivados do conflito.

O secretario xeral da OPEP en San Petersburgo. REUTERS/Anastasia Barashkova O secretario xeral da OPEP en San Petersburgo. REUTERS/Anastasia Barashkova

Influencia á baixa

Aínda que os sete países implicados no aumento gradual da produción seguiron elevando os seus obxectivos, a capacidade real para incrementar as súas exportacións é limitada.

A isto súmase a saída o pasado mes de maio dos Emiratos Árabes Unidos, un dos membros con maior "capacidade excedentaria", isto é, para subir a súa produción petroleira nun curto espazo de tempo.

Segundo os datos da propia OPEP, foi o único que logrou aumentar o seu bombeo entre marzo e abril, cunha suba de 131.000 barrís diarios, ata alcanzar os 2,02 mbd. Abu Dabi quere elevar a súa produción sen estar suxeito ao sistema de cotas do grupo.

Alén da reunión dos sete países responsables dos axustes voluntarios, os ministros dos 21 membros da alianza celebraron este domingo varias reunións telemáticas para avaliar a situación do mercado.

Nos encontros participaron tamén Venezuela, Irán e Libia, tres membros da OPEP exentos das limitacións de produción debido ás sancións internacionais e aos conflitos que afectan ás súas industrias petroleiras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade