A OMS di que a variante ómicron "é de risco" e pode ser máis contaxiosa
Os primeiros casos da nova variante detectáronse en Suráfrica o día 9 deste mes e posteriormente tamén en Botswana. De momento hai pouco coñecemento sobre ela, pero o que se sabe preocupa a comunidade científica.
Acumula máis de 30 mutacións do virus, algunhas nunca vistas ata agora e outras asociadas a unha maior capacidade para contaxiar e escapar das defensas humanas. Por iso se teme que poida ser resistente a tratamentos e ás vacinas, algo que de momento está por confirmar.
O que semella claro é que a nova variante, bautizada como Omicron, esténdese moi rápido. En apenas dúas semanas copa xa o 75 por cento dos casos analizados en Suráfrica e domina todas as infeccións, polo que as autoridades do país cualifícana como altamente preocupante.
Con todo, a comunidade científica internacional chama á cautela. En Suráfrica só está inmunizado o 24 por cento da poboación, polo que a transmisión é moito máis sinxela.
A Organización Mundial da Saúde admite que se tardará semanas en investigar a nova cepa e en ter certezas sobre a súa gravidade. Polo momento di que as primeiras investigacións apuntan a que pode aumentar o risco de reinfeccións por covid.