A OMS advirte: "Chega un inverno moi duro" e pide non baixar a garda
A OMS calcula outro medio millón de mortos ata febreiro se non se toman medidas
Detrás do aumento dos contaxios está a relaxación das restricións e o baixo ritmo de vacinación
Europa volve ser o principal foco da pandemia, e a OMS calcula outro medio millón de mortos ata febreiro se non se toman medidas.
Detrás do aumento dos contaxios está a relaxación das restricións e o baixo ritmo de vacinación. A situación máis extrema está en Bulgaria, cun 22 % de inmunizados, e en Romanía, cun 30. Encabezan as taxas de mortalidade cuns 300 falecementos diarios e as UCI colapsadas.
Pero outros países que andan polo 70 % de vacinados, como Alemaña, tamén pasan por dificultades, co nivel de contaxios en máximos dende que empezou a pandemia.
A maior clínica de Berlín anunciou onte que suspende todas as operacións planificadas, como fixeron nos picos anteriores, e que destina todo o persoal posible ás unidades covid-19.
O ministro de sanidade en funcións cualificou esta cuarta vaga como a dos non vacinados, xa que son o 90 % dos que están nas UCI.
E o aumento de casos está provocando que se adopten novas medidas. En Francia, cun 75 % de vacinados, Macron fai un chamamento aos atrasados.
Anunciou que poñerán a terceira dose da vacina aos maiores de 50 anos a partir de decembro e será obrigatoria pra todos os maiores de 65 para ter o pase sanitario.
Austria anuncia que será obrigatoria a vacinación para entrar en bares e restaurantes, tamén volveu o pase covid a Dinamarca e os Países Baixos recuperan a máscara e o teletraballo.
Neste contexto, España segue de momento nunha situación privilexiada xunto con Malta, coas porcentaxes máis altas de vacinados e as taxas de contaxio máis baixas.