Cúmprense dous meses da ofensiva rusa con miles de mortos e as negociacións estancadas
Os ucraínos celebran un triste domingo da Pascua ortodoxa
Zelenski reúnese cos secretarios de Estado e de Defensa dos Estados Unidos
O secretario de Estado e o de Defensa dos Estados Unidos viaxan a Kíiv para reunirse co presidente ucraíno. Volodimir Zelenski vailles solicitar o envío de armas pesadas e potentes no menor prazo posible. A guerra cumpre dous meses en plena ofensiva rusa polo control do Donbás e sen avances nas negociacións. Este domingo de Pascua volveu fracasar o enésimo intento de evacuar a asediada Mariupol.
Os ucraínos celebraron unha triste Pascua ortodoxa dous meses despois da invasión de Rusia. Na cidade de Bucha lembran os seus mortos diante da foxa común localizada detrás da igrexa de Santo André. Aquí apareceron centos de cadáveres despois da retirada do exército ruso e tras semanas dunha ocupación devastadora. Esta muller confía en que todo acabe pronto e en que o Exército ucraíno expulse os invasores para vivir coma antes, di. E o sacerdote espera que os criminais de guerra sexan xulgados polo tribunal da Haia.
Os crimes de Bucha, que Rusia cualifica de montaxe, e a resistencia ucraína de Mariupol son dous dos episodios máis destacados desta guerra. Moscova controla a cidade portuaria, agás a siderúrxica de Azovstal, onde se atrincheiran os últimos defensores da cidade e se refuxian miles de cidadáns, sobre todo mulleres e nenos. Os intentos de establecer un corredor para evacualos fracasan unha e outra vez. Este domingo o Goberno de Kíiv pediulle á ONU que interveña.
Mariupol é un dos principais obxectivos rusos desde o comezo da invasión. Putin quere controlar a rexión do Donbás para formar un corredor terrestre ata a anexionada península de Crimea. Un alto mando militar admitiu hai uns días que Rusia buscará controlar o sur de Ucraína con acceso á fronteira con Moldova.
Un asesor do presidente Zelenski mostrouse convencido de que Putin anunciará un triunfo preliminar o 9 de maio, cando se conmemora a vitoria sobre a Alemaña nazi, e ofrecerán negociar. Pero se as conversas fracasan, dixo, Rusia emprendería novos ataques a partir do verán.
A ONU estima que nestes dous meses morreron máis de dous mil civís pero sospeitan que a cifra real é moi superior. A guerra provocou ademais a fuxida de cinco millóns de ucraínos.