Publicador de contidos
Publicador de contidos

A ofensiva israelí suma máis de 28.800 vítimas mortais en Gaza dende outubro

A ofensiva israelí suma máis de 28.800 vítimas mortais en Gaza dende outubro

Dende que comezou a guerra, o 7 de outubro, outras 68.677 persoas quedaron feridas na Franxa

G24.gal 17/02/2024 11:34 Última actualización 17/02/2024 14:50

A ofensiva militar israelí suma 28.858 vítimas mortais en Gaza dende o inicio do conflito hai 134 días. Nas últimas 24 horas faleceron 83 persoas, segundo o Ministerio de Sanidade da Franxa, controlado polo brazo político de Hamas.

A guerra, que comezou o 7 de outubro tras un ataque do grupo islamita no que morreron 1.200 israelitas, deixa tamén 68.677 persoas feridas.

Estes novos datos coñécense só un día despois de que a Corte Internacional de Xustiza da ONU esixira a Israel a implementación "inmediata e efectiva" das medidas cautelares ditadas o 26 de xaneiro para evitar un xenocidio na Franxa de Gaza.

Con todo, non considerou necesario reclamar medidas adicionais a Israel, tal e como solicitou Suráfrica pola situación en Rafah, situada no extremo sur de Gaza e onde se concentran 1,4 millóns de persoas, na súa maioría desprazadas.

"Pesadelo humanitario"

A Corte comunicou a súa decisión este venres a Suráfrica e Israel, ao considerar que os acontecementos recentes poden incrementar exponencialmente o que "xa é un pesadelo humanitario de incalculables consecuencias".

"Esta perigosa situación esixe a implementación inmediata e efectiva das medidas provisionais indicadas pola Corte na súa Orde do 26 de xaneiro de 2024, que son aplicables en toda a Franxa de Gaza, incluída Rafah, e non esixe a indicación de medidas provisionais adicionais", sinala nunha carta ás partes.

A Corte salienta que "o Estado de Israel segue obrigado a cumprir plenamente coas súas obrigas baixo a Convención sobre Xenocidio e coa devandita Orde, incluso garantindo a seguridade dos palestinos na Franxa de Gaza".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade