A neve permanecerá a fin de semana nas zonas altas sen novas precipitacións
Nas zonas de montaña as nevaradas aínda poden caer ata a media tarde de mañá sábado
A neve segue presente en zonas de montaña, pero sen causar as dificultades na circulación que orixinou onte.
Na A-6 e en Pedrafita houbo moitas complicacións na circulación de vehículos por neve e xeo na calzada durante a xornada do xoves. Hoxe, aínda que con precaución, transítase con normalidade.
O corredor de frío polar desvía o seu paso por Galicia. Colle seu lugar o ambiente húmido que en unión coas baixas temperaturas deixou importantes precipitacións de neve nas últimas horas, que sorprendeu mesmo os que visitan o Cebreiro con frecuencia.
Agora sopra nordés e a tendencia é recuperar o tempo seco. Nas zonas de montaña as nevaradas aínda poden caer ata a media tarde de mañá sábado. Pero as precipitacións prevense escasas. As temperaturas seguirán frescas, polo que en zonas altas é de supoñer que, aínda que non caian folerpas, a neve se manterá para desfrute dos visitantes da fin de semana.
Atentos ás temperaturas, porque en canto marche o sol os termómetros baixarán con rapidez. O anticiclón seguirá con nós a próxima semana, con frío pero sen chuvia.