A neve dificulta a circulación en 16 estradas da rede viaria galega
Permanece pechada ao tráfico a OU-122 entre Lardeira e Casaio, na provincia de Ourense, a máis afectada
Tamén hai problemas nos accesos a Galicia dende Zamora e León, co paso restrinxido para camións en varios puntos
A Dirección Xeral de Tráfico acordou o levantamento das medidas preventivas de bloqueo para os vehículos pesados
Un coche circula pola A-52 na provincia de Ourense este sábado
A neve segue presente esta fin de semana en Galicia onde, a primeira hora, continuaba activo o aviso laranxa por acumulacións de máis de 20 centímetros por riba dos 800 metros nas montañas de Lugo e Ourense.
A cota comezou nos 600 metros e irá subindo a medida que avance o día. Para toda a xornada mantense o aviso amarelo nos concellos do interior das catro provincias.
As nevaradas da noite deixan unha estrada cortada ao tráfico, a OU-122 entre Lardeira e Casaio, e outras quince con problemas de diversa consideración.
A Dirección Xeral de Tráfico acordou a pasada noite o levantamento das restricións á circulación de vehículos pesados, tras a mellora da situación meteorolóxica e as condicións de seguridade nas estradas.
Ao non existir avisos de nivel laranxa, a Delegación do Goberno en Galicia procedeu á desactivación do Plan Invernal de Estradas en fase de alerta.
Neve na A-52 en Monbuey (Zamora). EFE/Mariam A. Montesinos
Paso restrinxido para camións
O principal problema para os vehículos pesados está nos accesos a Galicia dende León e Zamora, onde permaneceron embolsados centos de camións este venres polas restricións de Tráfico.
A DXT levantou o bloqueo preventivo pero a neve presente na calzada non lles permite circular pola A-6 en Pedrafita; pola A-52 entre Triufé e A Canda; e pola N-525 de Chanos a Fumaces.
Ademais, os vehículos pesados teñen o paso restrinxido en varios puntos da provincia de Lugo: na A-6, entre Pedrafita e Noceda, e na LU-633 no porto de montaña de Pedrafita do Cebreiro.
Na provincia de Pontevedra, os camións non poden circular pola AG-53 entre o Candedo e Amear pero a situación na provincia de Ourense é máis complicada.
Tampouco teñen acceso pola A-52 no treito da Canda-Ábedas e na N-525 entre A Canda e Fumaces. Tampouco na OU-531 de Sabariz a San Simón e na OU-533 entre A Gudiña e Outar de Pregos.
Do mesmo xeito, está restrinxido o paso para vehículos pesados na OU-536 entre o Alto do Couso e Pobra de Trives; e na OU-540 de Gontán ás Maus.
Neve na comarca do Deza
Prohibido adiantar
Do mesmo xeito, cómpre circular con precaución por outros puntos da rede viaria galega onde os camións teñen prohibido adiantar polo perigo da neve no asfalto.
É o caso da A-6 entre Noceda e Arco e da N-6 no treito que une A Pía coa Serra da Horta, na provincia de Lugo. Na de Ourense, ocorre na A-52 de Vilaza a Arcos e do Retiro á Uceira, no linde con Pontevedra.
Na estrema están afectadas tamén a N-525 entre A corna e As Maceiras e a N-541 da Ermida a Vilapouca.
Xa na provincia de Pontevedra, os vehículos pesados non poden aidantar na AP-53 entre Reguengo e Santo Domingo; na N-120 de Pereiras de Abaixo ao Regueiro; na PO-533 no treito que une Lalín de Arriba e Aciveiro; e na PO-534 de Sante ao Cachafeiro.
Un camión parado nunha estación de servizo da A-52