Publicador de contidos

Publicador de contidos

A neve obriga a circular con precaución nos accesos a Galicia pola A-6 e a A-52

A neve obriga a circular con precaución nos accesos a Galicia pola A-6 e a A-52

Tamén cómpre conducir con moito tino polas estradas das zonas altas de Lugo e Ourense

A alerta amarela por risco de nevaradas levantarase ás tres da tarde

directo Neve no alto do Vieiro, en Bande, a 850 metros de altitude
G24.gal 21/12/2025 03:13 Última actualización 21/12/2025 10:30

As nevaradas que están caendo dende esta madrugada nas zonas altas das provincias de Ourense e Lugo obrigan a extremar a precaución ao volante.

Dende as seis da mañá circúlase sen atrancos por toda a rede viaria galega, pero de madrugada chegou a haber ata doce estradas afectadas, aínda que con nivel verde de circulación, segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico.

Onde é preciso conducir con moito tino é nas entradas e saídas de Galicia, tanto pola A-6 e pola N-VI, na provincia de Lugo; coma pola A-52, na provincia de Ourense.

Ademais, cómpre extremar a precaución no alto do Cebreiro, na estrada LU-633, que está restrinxido para vehículos pesados e coa velocidade limitada a 60 quilómetros por hora. As máquinas quitaneves están actuando para limpar a calzada e esparexer sal.

Aviso amarelo

Este domingo hai aviso amarelo por neve nas zonas altas da comunidade, que se levantará ás tres da tarde. Ata entón, poden acumularse máis de cinco centímetros no Courel, nos Ancares, no macizo central ourensán e no Xurés.

Tamén pode haber pequenas acumulacións de neve na comarca do Deza. As máquinas quitaneves pasaron esta noite pola AP-53 e pola PO-533 para deixar a calzada expedita no alto do Dozón.

Nestas primeiras horas do día, as nevaradas máis fortes estanse rexistrando nas comunidades veciñas de Castela e León e Asturias. 

Poden acumularse máis de cinco centímetros de neve nalgúns puntos Poden acumularse máis de cinco centímetros de neve nalgúns puntos
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar