A nai de Desirée Leal recorre ante o TSXG a condena a prisión permanente revisable
O pai de Desirée di que confía en que o TSXG ratifique a condena a prisión permanente revisable para Ana Sandamil
 
            A nai da nena Desirée Leal recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a condena a prisión permanente revisable polo asasinato da súa filla, ocorrido en maio de 2019 no concello lugués de Muimenta.
O pai da vítima, José Manuel Leal, confirmou a presentación deste recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo, tras o veredicto de culpabilidade emitido polo xurado popular.
José Manuel Leal dixo que confía en que o TSXG ratifique a condena a prisión permanente revisable a Ana Sandamil, á que segue describindo como un "monstro".
O pai de Desirée, apelou a que a sentenza foi "supercontundente e o xurado non tivo dúbida ningunha e todo quedou moi demostrado por peritos, forenses e psiquiatras". Dixo tamén que "a única que expuña dúbidas era a psiquiatra que a atendía no cárcere e é entendible que cando pasas un tempo cunha persoa poidas empatizar con ela".
José Manuel Leal lembrou que Desirée tiña sete anos cando foi asasinada. "Non é un caso que presentase dúbidas, está moi claro", reiterou. O pai da pequena tamén dixo que quere que isto "se acabe dunha vez", dado que revivir o crime é volver "á incerteza e isto parece que non dá concluído". "Espero que acabe dunha vez todo isto, porque é un sen vivir aínda que ese sen vivir vai acompañar toda a vida pola falta de Desirée", rematou dicindo.
 
         
                
                
				   
             
    
         
                 
    
        .png) 
    
         
    
         
            
         
            
                