Publicador de contidos

Publicador de contidos

A loita das nais contra a droga: 40 anos de Érguete

A loita das nais contra a droga: 40 anos de Érguete

Chamábanas tolas, porque armadas con megáfonos puñan nomes e sinalaban aos responsables do narcotráfico en Galicia

A asociación Érguete naceu da necesidade dun grupo de nais que conseguiron saltar muros impensables

G24.gal 23/10/2025 16:53 Última actualización 23/10/2025 20:35

Pouco sabían da droga cando se lanzaron á rúa para loitar polos seus fillos. Conseguiron logros impensables cando comezaron a unirse naquela década dos 80, con Carmen Avendaño como cabeza visible do que deron en chamar "Érguete".

Os inimigos eran poderosos pero non dubidaron en enfrontarse aos narcotraficantes. Cambiaron as tornas. Educaron á sociedade.

Aqueles homes que presumían de cartos e propiedades procedentes do narcotráfico pasaron a ser sinalados e avergonzados.

Alí estaban elas, cando en 1990 se producía a famosa operación nécora. Unha macrorredada na comarca de Arousa, que abría o camiño na loita contra o narcotráfico e as organizacións criminais.

Esas nais concentráronse ás portas da comisaría. Entre os detidos, nomes ben coñecidos. No xuízo, anos máis tarde, 52 persoas sentaron no banco dos acusados.

40 anos de historia de Érguete  deixan na memoria imaxes como a conquista do pazo de Baión, pero que sobre todo conseguiron cambios fundamentais para as vítimas da droga.

Cos anos, érguete profesionalizouse sen perder a esencia e hoxe ofrecen programas de prevención, inclusión social e área residencial.

Contan con tres vivendas de apoio ao tratamento, dous para homes e unha para mulleres, a única en Galicia. A inclusión engloba os servizos xurídicos e os programas nos centros penitenciarios.

Pero se en algo fan fincapé, é na prevención e no traballo coa mocidade e as familias en distintas etapas. Buscan trasladar información precisa, que axude a comprender os riscos das drogas, e que tamén permita resolver as dúbidas das familias.

Sen deixar de traballar nin un só día, nin perder os folgos, agora, 40 anos despois dos seus incios, érguete fai balance mentres a sociedade galega lles rende unha merecida homenaxe

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade