Publicador de contidos
Publicador de contidos

A loita contra a avespa velutina en Taboada dá os seus froitos

A loita contra a avespa velutina en Taboada dá os seus froitos

Os veciños colocaron un milleiro de trampas e capturaron unhas 2.000 raíñas nun mes

Félix Aragunde 03/05/2024 13:50

En menos dun mes os veciños de Taboada capturaron unhas 2.000 raíñas de avespa velutina, case tantas como habitantes ten este municipio da comarca de Chantada. Na súa loita contra esta especie invasora colocaron un milleiro de trampas nas preto de 30 parroquias do concello.

A captura de 2.000 raíñas suporá unha menor presión por parte da avespa asiática, posto que haberá outros tantos niños menos. Para conseguilo, os veciños tiveron que organizarse a través das redes sociais.

Manuel Fidalgo, apicultor: "Fai falta que toda a xente se implique, apicultores ou non, porque o problema é da apicultura e do resto dos cultivos, e que a Administración se implique máis no tema para, entre todos, tratar de reducilo o máximo posible".

Do milleiro de trampas instaladas, a quinta parte foron subministradas por Medio Rural, mentres que o resto son de fabricación caseira. Mediante esta guerra aberta contra esta praga, aspiran a reducir os danos nas colmeas e nas colleitas, que se viron seriamente prexudicadas no último ano.

Manuel Fidalgo, apicultor: "Eu teño arredor dun cento de colmeas, e un 30 por cento das abellas morreron polo problema das velutinas. Tamén provoca problemas na froita, sobre todo nas mazás, e nas viñas".

Dende o Concello de Taboada, de onde partiu a iniciativa, sinalan que ninguén está libre dun ataque accidental das velutinas, polo que fan un chamamento a que todo o mundo participe na colocación de trampas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade