Publicador de contidos

Publicador de contidos

A lei da AP-9 pasa este martes o seu primeiro exame no Senado

A lei da AP-9 pasa este martes o seu primeiro exame no Senado

O PP usará a súa maioría na Cámara Alta para aprobar emendas co obxectivo de que a norma recupere o espírito da lei que saiu do Parlamento de Galicia

O texto volverá ao Congreso, que terá que pronunciarse sobre os cambios

G24.gal 07/07/2026 08:05

A Comisión de Transportes do Senado abordará este martes a lei da AP-9 para transferir a xestión e a titularidade da vía a Galicia. O PP usará a súa maioría absoluta na Cámara Alta para aprobar varias emendas e recuperar o espírito da norma que saíu do Parlamento de Galicia.

A orixe da lei xorde do Parlamento de Galicia, aínda que se desbloqueou hai unhas semanas grazas ao acordo entre o PSOE, BNG e Sumar para incluír non só a xestión senón tamén a titularidade da vía á Xunta de Galicia. O novo texto que xurdiu tras o acordo deu pé a unha proposición de lei orgánica. Este martes reunirase a Comisión de Transportes para incluír modificacións do PP no relatorio da norma.

A polémica reside en que a Xunta de Galicia e o PP quéixanse de que esta nova lei non respecta a literalidade da norma que saíu acordada do Parlamento de Galicia, polo que os populares trataron de reverter este asunto a través de emendas no Congreso que finalmente foron rexeitadas.

Deste xeito, populares por unha banda e PSOE e BNG por outra acúsanse mutuamente de traizoar os galegos coas súas posturas. Con todo, o PP conta con maioría absoluta no Senado e aprobará estas mesmas emendas durante a súa tramitación na Cámara Alta, aínda que o texto volverá ao Congreso para que se pronuncie sobre os cambios.

Que di o acordo entre PSOE, Sumar e BNG?

Aínda que os socialistas presentaran unha emenda que evitaba a titularidade, o novo texto pactado sitúa como obxectivo da lei a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia da titularidade da AP-9 e as competencias sobre o réxime xurídico da concesión, e tamén as funcións e servizos da autoestrada AP-9 á Comunidade Autónoma de Galicia.

Para iso, determínase que a Administración Xeral do Estado e a comunidade elevarán á Comisión Mixta de Transferencia unha proposta de acordo que determine as condicións e límites para a transmisión de competencias ata o de agora exercidas pola Administración estatal en relación á Autoestrada do Atlántico, o cal será aprobado por real decreto.

A proposta de acordo deberá abordar as condicións do traspaso de varias funcións, empezando pola autorización da posta en servizo de novos tramos, adaptacións ou reformas dos existentes e de ligazóns e vías auxiliares da autoestrada. Tamén concretará como se materializa a supervisión e inspección do correcto funcionamento da autoestrada, conforme á normativa xeral de estradas e aos pregos que rexen a concesión, e tamén a potestade sancionadora respecto a incumprimentos da concesionaria na explotación da AP-9.

Así mesmo, abordará os termos para as modificacións que afecten o réxime económico-financeiro da concesión, singularmente no que incumbe ao establecemento, actualización e supresión das tarifas e peaxes e á aplicación de programas de desconto, incluída a autorización daqueles que sexan voluntarios por instancia da concesionaria, e para a redacción e aprobación de convenios ou addendas aos actuais.

Repercusións económicas  

Ademais, segundo o texto pactado, a Administración Xeral do Estado conservará ao seu cargo, con respecto á sociedade concesionaria da autoestrada AP-9, as obrigacións con repercusións económicas e financeiras derivadas da aplicación da concesión en vigor que fosen motivadas por modificacións adoptadas no período en que tivo a competencia e con limítes económicos vixentes na data da aprobación do traspaso.

Na mesma liña, as consecuencias das decisións tomadas pola Administración estatal previas á transferencia recaerán sobre esta. O acordo da transferencia deberá establecer a obrigación da aprobación das revisións ordinarias ou extraordinarias de tarifas que as devanditas modificacións establecesen, a fin de que estes límites económicos sexan respectados.

Cando asumirá a Xunta os custos? 

En canto á Xunta, asumirá ao seu cargo, con respecto á sociedade concesionaria da autoestrada AP-9, todas as obrigacións con repercusións económicas e financeiras consecuencia das modificacións que sobre o réxime económico financeiro da concesión promova desde que sexa efectivo o traspaso.

Finalmente, as modificacións que sobre o réxime económico financeiro da concesión queira promover a comunidade autónoma non poderán afectar os compromisos económicos previstos e calquera decisión que supoña un incremento dos devanditos compromisos deberá ser asumida integramente pola comunidade na contía que este incremento supoña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade