Publicador de contidos

Publicador de contidos

A intelixencia artificial pode identificar un melanoma analizando una fotografía

A intelixencia artificial pode identificar un melanoma analizando una fotografía

O grupo VARPA, da UDC, desenvolve aplicacións tecnolóxicas orientadas á detección precoz de doenzas 

G24.gal 20/09/2025 16:02 Última actualización 20/09/2025 17:07

A intelixencia artificial está cambiando radicalmente o sector sanitario, ofrecendo solucións innovadoras que melloran a precisión diagnóstica, personalizan tratamentos e optimizan a xestión hospitalaria.

Na Universidade da Coruña, o grupo de investigación VARPA desenvolve aplicacións tecnolóxicas orientadas á detección precoz de diferentes patoloxías.

Unha delas, desenvolvida en colaboración co servizo de dermatoloxía do CHUAC favorece a detección temperá do melanoma e doutros tumores cutáneos a partir dunha simple fotografía tomada cun dispositivo móbil.

O sistema de intelixencia artificial analiza a textura, a contorna e as irregularidades da mancha e establece os niveis de risco.

"A idea é que un sistema de intelixencia artificial sexa capaz de analizar esa imaxe e determinar o risco de que unha mancha ou unha lesión estea asociada a algún tipo de cancro, como o melanoma", explica Marcos Ortega, catedrático en Ciencia da Computación e IA e director do grupo investigador.

Será unha ferramenta de prediagnóstico moi útil na atención primaria, pero tamén nos servizos de dermatoloxía porque ademais servirá para categorizar as patoloxías cutáneas.

"O que lles permitiría principalmente é axustar mellor o tratamento e priorizar os casos máis urxentes para mellorar o prognóstico e a supervivencia", detalla Ortega.

Agardan poder iniciar a validación clínica da aplicación a mediados do ano que vén. Desde a súa fundación en 2005, o grupo VARTA traballa no desenvolvemento de sistemas orientados á telemedicina.

Integrado no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, colabora con distintos servizos médicos do CHUAC. Leva anos investigando o procesamento de imaxes oftalmolóxicas, non só para detectar patoloxías oculares.

"Permite estimar o risco doutro tipo de patoloxías, como enfermidades neurolóxicas ou dexenerativas. Tamén permite predicir o risco de enfermidades cardiovasculares", asegura.

Son exemplos do impacto na atención sanitaria da intelixencia artificial, que continuará transformando profundamente a medicina nos próximos anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade