Publicador de contidos

Publicador de contidos

A incidencia da inflación na economía doméstica, por María Bastida

OPINIÓN

A incidencia da inflación na economía doméstica, por María Bastida

G24.gal 16/01/2023 12:35

Na última semana tivemos noticias en relación coa evolución da inflación. En concreto, o último dato de IPC constata que os prezos enerxéticos continúan moderándose, pero o dato de inflación subxacente constata que as tensións inflacionistas trasladáronse ao conxunto da cadea de valor. Isto sitúa os alimentos e a incidencia da inflación na economía doméstica no centro das preocupacións. Certo que este dato non recolle, aínda, o posible efecto das medidas recentes adoptadas para paliar os efectos da inflación na cesta da compra. Con todo, sabemos xa que en determinados alimentos -como o aceite ou o leite- a redución do IVE compensouse vía incremento dos prezos base. Lonxe de demostrar un comportamento oportunista, parece que ambos os sectores consideraron que é o momento de deixar de absorber custos, repercutindo ao consumidor parte dunhas perdas derivadas do aumento de materias primas e custos de produción que veñen arrastrando desde hai meses. E non serán os únicos.

Paralelamente, empezamos a ver tamén o resultado dalgunha das medidas implantadas para combater a inflación, moi concretamente a alza dos tipos de xuro. Como se esperaba, o endurecemento dos requisitos e condicións de endebedamento terminou repercutindo no mercado hipotecario, o que empeza a retardar o mercado da vivenda.

Estes efectos, trasladados a dinámica macroeconómica, ocuparán a axenda do Foro Económico Mundial de Davos, que tenta neste inicio do 23 recuperar o pulso da súa actividade como prescritor das tendencias e dinámicas da economía. Nesta edición, que xa é a 53, céntrase na incerta situación económica, precisamente coa loita contra a inflación e a subida dos tipos de xuro no punto de mira.

Neste contexto, espérase que os líderes da economía mundial debatan como evitar unha nova recesión global á vez que se tenta recuperar o control da inflación. Inevitablemente, a análise dos prezos da enerxía e os alimentos, xunto coa espiral de prezos que poden lastrar as opcións de crecemento económico, marcarán a axenda do encontro.

O que transcendeu da axenda sitúanos no marco doutros temas que non nos son alleos, pois levan tempo marcando a actualidade económica. Así, a complexa situación sociopolítica perfila un novo contexto de investimento, infraestruturas e comercio, que hai que compatibilizar cun elevado endebedamento. O título do conclave, “cooperación nun mundo fragmentado”, é suficientemente ilustrativo. Porque o problema non é tanto un conxunto de problemas que afectan a todos, senón as accións individuais adoptadas polos distintos países ou bloques económicos que poderían derivar nun xogo de suma cero. A preocupación polo medio ambiente, e a necesitade de transitar cara a unha economía dinamizada por unha enerxía sostible ilustran as tensións neste sentido.

En conclusión, o fío condutor do debate céntrase no equilibrio. Como atacar o problema do incremento de prezos e evitar a espiral inflacionista mentres aumentan os problemas de endebedamento, persiste a inestabilidade derivada da guerra de Ucraína, non se eliminaron os riscos sanitarios, e aumenta a preocupación pola loita contra o cambio climático. Temas de tanta complexidade que todo fai pensar nun Foro de reflexión antes que nun de acción, con poucas expectativas de obter un catálogo de medidas explícitas que marquen directrices para abordar tal problemática.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade