A incidencia da gripe leva unha semana de descenso en Galicia
A taxa de positividade baixou 12 puntos nunha semana
Hoxe mesmo, nos hospitais galegos hai 170 ingresados por gripe menos ca onte. Son datos que confirmarían que a curva da epidemia se está a superar en Galicia. A taxa de positividade, que é outro dos parámetros que usan para comprobalo, pasou dun 37 % a un 23 % en apenas unha semana. Ademais, seguen descendendo os ingresos por urxencias e tamén as consultas por gripe en Atención Primaria. Van xa sete días consecutivos de mellora, que poderían indicar que o pico en Galicia xa pasou.
"Os datos dos últimos días corrobórano así, pero hai que dicilo coa precaución que hai que ter sempre cando se fan predicións en saúde pública. Estamos nunha positividade 12 puntos por baixo do que tiñamos hai unha semana", dixo Carmen Durán Parrondo, a directora xeral de Saúde Pública.
Á espera de que se consolide a tendencia, esténdense os prazos da vacinación ata o día 26 de xaneiro. Para gripe, con cita nos centros de saúde; para gripe e covid, en hospitais.
"Nos 14 hospitais temos montado desde hai tempo un sistema de autocita, pero, mesmo así, se paso por un centro hospitalario, quero vacinarme de covid e de gripe e non pedín cita, tamén vou ser atendido se así o desexo", explicou Carmen Durán Parrondo, a responsable de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
Estamos xa con 800.000 persoas vacinadas e nun momento de descenso da epidemia en Galicia. Pero lembran as autoridades que o mellor xeito de evitar contaxios e previr segue sendo, ademais da vacina, o uso da máscara cando hai síntomas respiratorios.