A gripe xera agora mesmo o dobre de ingresos hospitalarios que a covid
A cepa prevalente este outono é a gripe A, e está a causar complicacións nos pacientes fráxiles
Os ingresos pediátricos por bronquiolite tamén están a ser tamén o dobre dos dun ano normal
Os médicos de urxencias explican que, despois de máis de dos anos de máscara, o noso sistema inmune está desadestrado
A chegada de pacientes ás urxencias dos hospitais galegos é incesante. A demanda asistencial supera xa a de calquera momento previo á pandemia. O problema é a gripe. E iso que o pico espérase a partir da ponte de decembro, onde os médicos pensan que se poden producir máis contaxios.
"A gripe é o cadro máis importante agora mesmo. A proporción de ingresos que temos por gripe é aproximadamente o dobre ca por covid. E a gripe A é a prevalente agora mesmo", explica Plácido Mayán, o responsable de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Lembran os médicos que a gripe sempre foi unha enfermidade seria e con consecuencias graves nos pacientes fráxiles. Prodúcense cadros de pneumonías por gripe ou sobreinfeccións respiratorias. A diferenza este ano é que as autoridades sanitarias prevén unha incidencia maior porque levamos tres anos sen contacto co virus e o noso sistema inmune está, por así dicilo, desadestrado tralo uso da máscara e as medidas de distanciamento.
O mesmo pasa cos nenos, entre os que hai o dobre de ingresos por bronquiolite. Atenuar o problema pasa por vacinarse.
"Agora mesmo a xente non se está a vacinar como debería da gripe, e eu creo que deberiamos vacinarnos todos para evitar complicacións", explica o responsable dar urxencias hospitalarias de Santiago, Plácido Mayán.
Nas urxencias garanten que hai capacidade asistencial, aínda que por veces o sistema e as probas vaian lentos porque os pacientes de gripe tamén deben estar illados para evitar contaxios nos centros hospitalarios.