Publicador de contidos

Publicador de contidos

A gasolina acada o prezo máis alto desde novembro, subindo na última semana un 1 %

A gasolina acada o prezo máis alto desde novembro, subindo na última semana un 1 %

De momento non se acadan os rexistros tras a invasión de Ucraína, que foron máis elevados 

O sector das gasolineiras di que os carburantes poden subir entre 8 e 12 céntimos por litro

G24.gal 05/03/2026 15:11

Os carburantes volveron repuntar na última semana, subindo un 1,02 % o prezo do litro de gasolina e un 1,26 % o do diésel, segundo o boletín do petroleo da Unión Europea publicado este xoves e no que se recolle os datos ata o 2 de marzo. Deste xeito, a gasolina acumula sete subidas consecutivas e o diésel oito. 

Os prezos dos carburantes repuntan tras o encarecemento do petróleo brent, o de referencia en Europa, nas últimas semanas, aínda que os datos do último boletín petroleiro da UE aínda só recollen tres xornadas nas que se reflicte o posible impacto da inestabilidade, provocada tras o ataque dos Estados Unidos a Irán, o pasado 28 de febreiro.

No caso da gasolina, o repunte desta última semana é o máis notable desde finais de xuño de 2025, cando subiu un 1,7 % segundo o histórico do boletín, mentres que a nivel de prezos sitúase na contorna de novembro, cando o litro custaba 1,489 euros a semana do 24 dese mes. 

No caso do gasóleo, a subida é a maior desde mediados de novembro, cando repuntó un 1,26 %, mentres que en termos de prezo, o litro de gasóleo está en niveis de comezos de decembro, cando o seu prezo era de 1,45 euros.

Lonxe aínda dos prezos rexistrados tras a invasión de Ucraína 

Malia estas subas, o prezo dos carburantes aínda non se achegan aos máximos rexistrados tras a invasión de Ucraína por parte de Rusia, cando o prezo da gasolina subiu ata 1,941 e o diésel ata 1,9 euros. 

En canto a evolución dos prezos, o litro da gasolina sobe un 3,41 % desde o arranque de 2026 e o de diésel, un 4,04 %; aínda que se se comparan cos datos de hai un ano, a gasolina está un 4,62 % máis barata e o diésel, un 3,29 %.

Encher un depósito de 55 litros de gasolina custa 81,73 euros coas cifras da última semana, mentres que se se fai con diésel, o prezo ascende a 79,26 euros.

O custo dos carburantes en España está por debaixo da media da UE 

O prezo dos carburantes en España continúa por baixo dos prezos medios da UE, que a última semana rexistrou un prezo de 1,664 euros e o gasóleo de 1,629 euros. Mentres que na eurozona o prezo da gasolina ascendeu a 1,722 euros e o do gasóleo a 1,662 euros.

Os analistas da xestora Alliance Bernstein lembran que conflitos no pasado provocaron a miúdo un aumento dos prezos da enerxía a curto prazo, e como tal, tiveron un impacto económico limitado. 

"Con todo, dado que é demasiado pronto para saber canto durará este conflito, recoñecemos a posibilidade de que se manteñan os altos niveis de prezos da enerxía e de que o impacto na actividade económica sexa máis negativo", engaden.

Os expertos da xestora Generali apuntan que o seu "escenario basee prevé unha escalada bastante limitada, cunha interrupción temporal, de 4 a 5 semanas, dos fluxos de petróleo e gas procedentes do Golfo, o que supoñería un custo non superior a 0,3 puntos porcentuais para o PIB da zona euro en 2026".

Pola súa banda, o grupo de gasolineiras Moure cifrou que o conflito aberto tras o ataque de EEUU e Israel a Irán pode supoñer unha subida de entre 8 e 12 céntimos por litro nas gasolineiras española se continúa a tensión.

O director xeral do Grupo Moure, Manel Montero, lembra que a escalada de tensións xa provocou subidas nos prezos internacionais do petróleo brent, que superan os 80 dólares por barril, o que xerou esas "presións á alza" sobre os carburantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade