A Garda Civil recolle mostras de ADN de familiares das vítimas do accidente de Córdoba
O Instituto Armado habilitou cinco lugares en Córdoba, Huelva, Málaga, Sevilla e Madrid para facilitar ás familias este trámite e avanzar na identificación dos falecidos
Angustia das familias en busca dos desaparecidos
A Garda Civil habilitou cinco puntos de recollida de mostras de ADN para os familiares directos das vítimas do accidente de trens de Adamuz, co fin de facilitar a identificación dos cadáveres.
As oficinas estarán situadas nas seguintes localizacións:
Madrid: Acuartelamento da Zona de Madrid, C/ Batalla del Salado, 31 Tlf. 915146900.
Sevilla: Acuartelamento da Zona de Andalucía, Avenida de la Borbolla, 8 con Avenida Eritaña, 1. Tlf. 954231901.
Huelva: Acuartelamento Comandancia de Huelva, C/ Guadalcanal, 1. Tlf. 959241900.
Málaga: Acuartelamento Comandancia de Málaga, avenida Arroyo de los Ángeles, 44. Tlf. 952236575.
Córdoba: Comandancia de Córdoba, avenida de Medina Azahara, 2. Tlf. 957414111.
Segundo a Garda Civil, debido ás graves consecuencias do accidente, procedeuse á activación do protocolo establecido polo Real Decreto 32/2009 que regula a actuación médico-forense e da Policía Xudicial ante sucesos con vítimas múltiples.
No marco das actuacións previstas no devandito protocolo, inclúese o establecemento de oficinas denominadas ante-mortem, en que se recolle dos familiares directos das presuntas vítimas do suceso toda a información necesaria para permitir a correcta identificación das mesmas.
A angustia das familias
Algunhas familias tiveron a sorte de saber dos seus dende o minuto un"A miña filla chamoume ás oito menos cuarto chorando, descomposta, dicindo que o tren descarrilara", conta a nai dunha pasaxeira
Outros aínda hoxe non saben do paradoiro dos seus familiares. Dende que se produciu o accidente os accesos ao lugar estiveron restrinxidos só para os servizos de emerxencias, así que as familias optaron por acudir ás estacións de trens en busca de algo de información. Nesta de Huelva vivíronse momentos de moita tensión. Entre os desaparecidos aínda hai moitos veciños de moitos puntos da provincia. Ata alí se desprazou a Cruz Vermella cun equipo de axuda psicolóxica e sanitaria, que tamén está atendendo hoxe nas dependencias da Policía Local.
"Os primeiros auxilios psicolóxicos nestas situacións son fundamentais, que as persoas que chegan que non teñen información se sintan acompañados, escoitados, atendidos", explica Miguel Ángel Rodríguez, voceiro de Cruz Vermella.
Tamén foi necesario apoio emocional na estación de Atocha de Madrid mentres se agardaba a chegada dos pasaxeiros, ilesos que foron trasladados en autobuses. Escenas de angustia no hospital Reina Sofía de Córdoba, que foi o primeiro en recibir os pasaxeiros máis graves. Están sendo atendidos das feridas físicas, ás outras levaralles máis tempo cicatrizar.
"Morreron persoas ao seu lado e contoume que unha nena lle pedía axuda e non podía porque tiña fracturada o xeonllo e non podía moverse. Ela chamábao e séntese mal por non poder axudala", apunta a familiar dun ferido hospitalizado
Nestes momentos tan duros os familiares só teñen palabras de agradecemento.
"A palabra 'grazas' queda curta para todos os xestos tan bonitos que houbo onte de axuda humanitaria", agradece Sara Pera, familiar dun dos feridos en estado grave.
Os primeiros corpos dos falecidos están chegando ao Instituto de Anatómico Forense de Córdoba para proceder á súa identificación. As Comandancias da Garda Civil de Huelva e Córdoba habilitaron oficinas de recollida de mostras de ADN e fan un chamamento aos familiares para a axilizar o proceso de identificación.