Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil denuncia un matrimonio de Vigo por presunta estafa a aseguradoras

A Garda Civil denuncia un matrimonio de Vigo por presunta estafa a aseguradoras

Desde o 2.000 presentaron 33 partes de sinistro, utilizando coches asegurados

Ocasionaban colisións controladas con outros vehículos principalmente en rotondas 

G24.gal 10/03/2022 16:43

Un matrimonio de Vigo terá que responder ante o xuíz dun delito de estafa por, presuntamente, cobrar de aseguradoras indemnizacións indebidas por danos e lesións. 

Desde o ano 2.000 presentaron 33 partes de sinistro, utilizando coches asegurados cos que ocasionaron colisións controladas con outros vehículos en rotondas e cruzamentos con prioridade.

As glorietas eran a zona preferida por un matrimonio de Vigo para realizar o seu plan coa fin de conseguir indemnizacións de aseguradoras de coches. Ocasionaban colisións controladas con outros vehículos para que non houbera moitos danos.

Horas máis tarde do sinistro utilizaban unha ambulancia da empresa en que traballaba o home como chofer eventual para que os atenderan no hospital onde dicían ter determinadas doenzas.

 "Son accidentes leves. Maioritariamente con danos materias, mesmo case imperceptibles, pero si que se engordaban as lesións alegadas e coas que cobraban as indemnizacións, sobre todo con lesións que son máis difíciles de avaliar polos sanitarios, como poden ser os danos cervicais ou calquera lesión difícil de cuantificar", explica o sarxento Jorge García Yáñez Subsector de Tráfico da Garda Civil en Pontevedra.

Desde principios de século levaban máis dun sinistro por ano. Ata que a unha compañía lle pedían 8.000 euros de indemnización por danos materiais e corporais.

 "A través da denuncia que presenta unha aseguradora sobre 13 accidentes, e a partir de aí o noso equipo de investigación determina que desde o ano 2000 se cometeran un total de 33, dos que a maioría son fraudulentos", puntualizou o sarxento Jorge García Yáñez Subsector de Tráfico da Garda Civil en Pontevedra.

A Garda Civil presentou no xulgado de instrución 8 de Vigo o seu informe coa investigación penal do matrimonio en cuestión. O seguinte paso cos presuntos estafadores será cousa da xustiza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade