Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fundación Andrea, o trompetista Esteban Batallán e a física Mar Capeáns, entre as Medallas Castelao 2026

A Fundación Andrea, o trompetista Esteban Batallán e a física Mar Capeáns, entre as Medallas Castelao 2026

O atleta Adrián Ben e a propietaria dos restaurantes A Penela, María Barallobre, son outros dos premiados

Os galardóns entregaranse o 28 de xuño, coincidindo co aniversario do primeiro Estatuto de Autonomía

Imaxe de arquivo dunha gala da Fundación Andrea Imaxe de arquivo dunha gala da Fundación Andrea
G24.gal 22/06/2026 21:05

O Goberno galego aprobou este luns a relación dos condecorados coa Medalla Castelao 2026, que serán a Fundación Andrea, o atleta Adrián Ben, o trompetista Esteban Batallán, a física Mar Capeáns e a propietaria dos restaurantes A Penela, María Barallobre.

Fundación Andrea, un apoio para as familias con nenos enfermos 

Así o confirmou o presidente da Xunta na comparecencia ante os medios posterior á reunión semanal do seu Executivo. Alfonso Rueda explicou que con esta distinción se recoñece o traballo desde hai 20 anos da Fundación Andrea, entidade que apoia as familias con nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.

A Fundación, liderada por Charo Barca tras o falecemento da súa filla Andrea, ofrece desde axudas económicas, a atención psicolóxica ou aloxamentos adaptados, preto do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, para as familias con nenos ingresados.Ademais, tal e como destacou Rueda, "fai un esforzo moi destacable por humanizar os espazos pediátricos dos hospitais".

Esteban Batallán, trompetista en Chicago e Hong Kong

No eido cultural, o Consello acordou recoñecer ao trompetista Esteban Batallán Cons (Barro, 1983), trompetista principal nas orquestras de Chicago e Hong Kong, entre outras, e colaborou con orquestras sinfónicas de diferentes países.Na actualidade, Batallán é membro do departamento de trompeta en DePaul University (Chicago) e profesor da Civic Orchestra, na mesma cidade.

Mar Capeáns, doutora en física no Consello Europeo para a Investigación Nuclear

Outra das Medallas Castelao deste ano recae na doutora en Física Mar Capeáns Garrido (Santiago de Compostela, 1967). A súa traxectoria profesional está ligada ao Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN), o laboratorio de física de partículas máis grande do mundo e onde segue traballando.

Conta con máis de 500 artigos científicos publicados e participa tanto na avaliación de programas de física da partículas a nivel internacional como en programas da Comisión Europea.

Adrián Ben, atleta de medio fondo 

No ámbito deportivo, este ano a Medalla Castelao será para o atleta Adrián Ben Montenegro (Viveiro, 1998), especializado nas carreiras de medio fondo. O lucense quedou quinto nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 na proba de 800 metros e gañou o Campionato de Europa en Pista Cuberta de 2023. Ademais, o pasado mes de febreiro proclamouse subcampión de España nos 1.500 metros.

María Barallobre, hostaleira con presenza en Madrid, Barcelona e París

A quinta Medalla Castelao 2026 será para a propietaria dos restaurantes A Penela, María Barallobre Tomé. Rueda puxo en valor que, tras exercer a docencia durante case 30 anos, abriu o seu primeiro establecemento en Coirós, para continuar cun restaurante na Coruña e dar o salto tamén "a Madrid, Barcelona e París".

As Medallas entregaranse, como é habitual, o 28 de xuño, coincidindo co aniversario do primeiro Estatuto de Autonomía e do regreso a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil que concede a Xunta e que recoñece a achega profesional e persoal de personalidades ou institucións polo seu traballo no ámbito artístico, literario, intelectual ou en calquera campo significativo para Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos