Publicador de contidos
Publicador de contidos

A fraxilidade defensiva condena o Celta Fortuna

A fraxilidade defensiva condena o Celta Fortuna

Os de Fredi perden(2-1) e caen eliminados da promoción

G24.gal 08/06/2024 19:33 Última actualización 08/06/2024 23:13

A Rosaleda vestírase co traxe de gala para albergar un partido de máxima tensión. As gradas cheas reflectían un ambiente que se transmitiu no terreo de xogo. Dende o primeiro momento o partido era fulgurante e o equipo de Fredi comezou poñendo o pé no acelerador para dominar o balón nos dez minutos iniciais, mais sen achegamentos claros. O Málaga parecía comezar a collerlle a cara ao partido cando un gran pase de Damián aproveitou un oco no lateral dereito da defensa andaluza que aproveitou Alfon para, tras un gran caneo, enviar o balón a gol. Co 0-1 no marcador os celestes non se conformarían e, antes da media hora, terían varias ocasións máis. A máis clara, outra de Alfon que desbaratou cunha gran parada Herrero. Sen outros goles antes do descanso, o resultado sería de 0-1 para os celestes.

Á volta da segunda metade o Málaga buscaría o empate con máis forza e conseguiu imprimir un ritmo superior ao encontro. Nun achegamento por banda dereita no minuto 56 marcharía mancado Yoel López, que tivo que se retirar axudado do campo. Intres despois, no 61 Roberto rabuñou un balón morto en área celeste tras unha serie de despexes sen éxito que puxo o empate no marcador e cambiou a cara do partido. A partir deste intre, o Málaga aproveitaba a súa inercia para amedrentar a un Celta Fortuna noqueado por momentos. 

Cos cambios Fredi introduciu a David de la Iglesia e a Fer López e o Celta comezou a recuperar forzas a menos de vinte minutos para a prórroga. Nos intres finais ambos equipos funcionaban por ondas, ningún atopaba a continuidade para facerse co xogo e as chegadas á área sucedíanse en ambos lados. As pernas de ambos equipos estaban cada vez máis cansadas en detrimento da precisión de pases, caneos e toda clase de accións. Así perdería unha moi clara o Celta Fortuna, que no minuto 88 saía en superioridade pero un mal envío desbarataba as súas oportunidades. 

Na outra área, un erro no despexe da defensa celtista deixou o balón morto para que volvera a ser rabuñado polo mesmo autor, Roberto. poñendo o 2-1. O Málaga conseguiu que non se xogase practicamente nada nos últimos minutos e así o Celta Fortuna caía eliminado fóra da promoción de ascenso á segunda división. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar