A fotógrafa mexicana Graciela Iturbide, premio Princesa de Asturias das Artes 2025
Retratou pobos indíxenas de México, Panamá, Madagascar ou Cuba e creou unha obra intensa e singular para comprender a evolución da fotografía en México e no resto de América Latina

A fotógrafa mexicana Graciela Iturbide, un dos grandes nomes da fotografía artística de inspiración social e cultural, foi galardoada este venres co Premio Princesa de Asturias das Artes 2025.
Considerada unha das máis importantes e influentes fotógrafas de América Latina, Iturbide (Cidade de México, 1942) concibe o seu traballo como unha maneira de coñecer, explorar e investigar culturas con obras, case sempre en branco e negro, que mostran a fraxilidade das tradicións ancestrais e a súa difícil subsistencia, a interacción entre natureza e cultura ou a dimensión simbólica de paisaxe e obxectos atopados ao azar.
Ao longo de máis de medio século de traxectoria retratou pobos indíxenas de México, Panamá, Madagascar ou Cuba e creou unha obra intensa e singular, fundamental para comprender a evolución da fotografía en México e no resto de América Latina.
Recoñecida por traballos como o que levou a cabo en 1979 cos indios Seris do deserto de Sonora ou a serie nas que reproduce o baño de Frida Kahlo en Coyoacán, Iturbide expuxo as súas fotografías no Centro Georges Pompidou de París, Barbican Art Gallery de Londres, o Museo da Fotografía de Hokkaido (Xapón) ou o Museo de Arte Moderna de San Francisco.
O Premio Princesa de Asturias das Artes, que o ano pasado recaeu en Joan Manuel Serrat, está destinado a distinguir "o labor de creación, cultivo e perfeccionamento da arquitectura, a cinematografía, a danza, a escultura, a fotografía, a música, a pintura, o teatro e outras manifestacións artísticas".