Publicador de contidos

Publicador de contidos

A fórmula para protexerse do sol

A fórmula para protexerse do sol

O factor 50 non duplica a protección do 30: a clave está en escoller ben a crema e aplicala correctamente

O tipo de pel, a idade e a forma de aplicar o protector son tan importantes como o número do envase

A pel ten memoria: as queimaduras acumuladas desde a infancia poden deixar danos a longo prazo

 

G24.gal 03/08/2026 19:43

Chega o momento de mercar crema solar e enfrontámonos ao primeiro dilema: que factor escoller? A crenza popular di que un factor 50 protexe o dobre ca un 30, pero a realidade é moi diferente.

A farmacéutica Portal Martínez explica que a diferenza entre un factor 30 e un 50 é menor do que moita xente pensa e subliña que o máis importante é escoller un protector adaptado ao tipo de pel e á idade, ademais de reaplicalo cada dúas horas.

Á hora de mercar un protector solar tamén hai que ter en conta as necesidades da nosa pel: se é sensible, graxa, con manchas ou presenta algunha patoloxía.

Segundo Portal Martínez, a radiación ultravioleta ten un efecto acumulativo desde a infancia e pode provocar queimaduras, dano solar, fotoenvellecemento, manchas e incrementar o risco de desenvolver un cancro de pel no futuro.

Unha protección especialmente importante na infancia. A pel dos nenos é máis fina, a súa barreira cutánea aínda non está completamente desenvolvida e teñen menos melanina. Nos menores de seis meses recoméndase evitar a exposición directa ao sol.

Pola súa banda, a farmacéutica Ana Fernández Pozo recomenda empregar, a partir dos seis meses, filtros solares minerais, xa que crean unha barreira física fronte á radiación solar.

Tan importante como escoller o protector é saber utilizalo correctamente.

Portal Martínez lembra que o protector debe aplicarse entre 20 e 30 minutos antes da exposición ao sol, renovarse cada dúas horas e complementarse con medidas de protección física, como sombreiros, lentes de sol homologadas ou roupa adecuada.

Pequenos xestos que permiten gozar do sol con máis seguridade e contribuír a coidar a saúde da pel durante todo o ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade