Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía indonesia pide 18 anos de cárcere para os acusados de matar a Matilde Muñoz

A Fiscalía indonesia pide 18 anos de cárcere para os acusados de matar a Matilde Muñoz

Considera como agravantes que as accións dos acusados causaron sufrimento á vítima antes de morrer

G24.gal 04/02/2026 13:22

A Fiscalía de Indonesia pide unha condena de 18 anos de prisión para os dous acusados do asasinato da española Matilde Muñoz. Foi durante unha vista xudicial celebrada nun tribunal da turística illa de Lombok. A fiscal considera como agravantes que as accións dos acusados causaron sufrimento á vítima antes de morrer.

Están acusados de homicidio, asasinato premeditado e roubo con violencia, delitos que poden supoñer entre 15 anos de cárcere e a pena de morte, aínda que Indonesia non adoita aplicala.

Os acusados admitiron que a mataron no seu hotel de Lombok

Os acusados son un empregado e un exempregado indonesios do hotel de Lombok onde se aloxaba Muñoz. No xuízo admitiron que entraron roubar no seu cuarto na madrugada do pasado 2 de xullo e que, ao espertar ela, entraron en shock e puxeron fin á súa vida.

A autopsia practicada o pasado 4 de setembro revela que Muñoz "morreu por asfixia".

O exame indicou que había "signos de traumatismo na cabeza, pescozo e peito" de Muñoz, o que "fortaleceu a sospeita de que foi vítima de violencia", tal e como recolleu o informe divulgado pola Policía indonesia o pasado setembro.

O cadáver de Muñoz foi achado o pasado 30 de agosto nunha praia de Lombok situada a medio quilómetro do seu hotel, despois de que os acusados ocultaran alí o corpo durante case dous meses.

Nada en Ferrol (A Coruña) e asentada en Mallorca, Muñoz adoitaba pasar longas tempadas en Lombok e consideraba o Bumi Aditya a súa "casa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade