A Fiscalía de Madrid remítelle á da Audiencia Nacional unha denuncia contra Rubiales
O presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), Víctor Francos, anunciou que activará "todos os mecanismos" que estean nas súas mans "para tomar as medidas oportunas" contra Luís Rubiales

A Fiscalía de Madrid remitiulle á da Audiencia Nacional a denuncia presentada polo presidente da Escola Nacional de Adestradores de Fútbol en España, Miguel Galán, contra o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luís Rubiales, polo bico que deu á xogadora Jenni Fermoso.
Nun expediente asinado este venres, ao que tivo acceso EFE, a Fiscalía Provincial de Madrid constata que a competencia para estudar o caso correspondería á Fiscalía da Audiencia Nacional, ao suceder os feitos no estranxeiro, en Sydney, durante a entrega de medallas do mundial, de modo que remitiu a denuncia a esa Fiscalía.
Agora será a Fiscalía da Audiencia Nacional a que decida se admite a denuncia por agresión sexual que presentou Miguel Galán, quen tamén denunciou a Rubiales ante a Fiscalía Xeral do Estado (FGE).
Mentres, o presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), Víctor Francos, anunciou este venres que activará "todos os mecanismos" que estean nas súas mans "para tomar as medidas oportunas" contra Luís Rubiales, presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), tras confirmar este que non dimitirá do seu cargo a pesar das presións recibidas por mor do seu bico sen permiso á xogadora Jenni Fermoso.