Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía abre dilixencias polo papel da Xunta nos incendios forestais do verán

A Fiscalía abre dilixencias polo papel da Xunta nos incendios forestais do verán

A plataforma Por un Monte Galego con Futuro presentou unha denuncia por "desastre ambiental"

G24.gal 13/10/2022 12:16

A Fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias por mor dunha denuncia presentada pola plataforma Por un Monte Galego con Futuro que sinala a Xunta de Galicia como responsable do "desastre ambiental" rexistrado pola vaga de incendios deste verán.

Segundo explica a plataforma, que está conformada por numerosas entidades ambientais, o Ministerio Público dá resposta deste xeito ás denuncias presentadas por estas entidades e "incoará dilixencias" ao obxecto de determinar a posible comisión dun delito contra o medio ambiente, dos artigos 325 e 326 do Código penal, relativo á protección da flora.

A Fiscalía lembra que en coñecemento dun “feito aparentemente delituoso, ben directamente ou por ser representada unha denuncia ou atestado, practicará ela mesma ou ordenará á policía xudicial que practique as dilixencias que estime pertinentes para a comprobación do feito ou da responsabilidade dos partícipes no mesmo”.

Acusacións de desleixo

A plataforma acusa a Xunta de "deixamento" ante a vaga de incendios rexistrada os pasados meses de xullo e agosto, que produciron "graves efectos" nos montes e ecosistemas de máis valor de Galicia.

Neste caso, a súa denuncia apunta directamente á Consellería de Medio Rural por "inacción" ante os incendios que "arrasaron ecosistemas de gran valor" como o Parque Natural do Invernadeiro, o Macizo Central ourensán, a serra do Courel ou a comarca de Valdeorras, entre outros.

A plataforma sostén que estes incendios se agravaron "debido a que a maioría de traballos de prevención están sen facer".

“Fallou a prevención e tras os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes para tentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos incendios tanto nos ecosistemas, como os danos económicos e sociais”, apunta o voceiro da plataforma, Xosé Santos.

Ademais, o portavoz reprochoulle ao Goberno autonómico que aínda non adopase ningunha medida para reducir o dano causado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade