Publicador de contidos

Publicador de contidos

A fiscal de Medio Ambiente pide aos veciños que non interveñan nos incendios

A fiscal de Medio Ambiente pide aos veciños que non interveñan nos incendios

Asegura que unha acción así pode acabar en graves consecuencias ou incluso nunha catástrofe

Exemplificou os casos do home de Petín e dos bombeiros feridos en Oímbra

O detido en Petín na saída do xuízo
G24.gal 19/08/2025 13:29

A fiscal de Medio Ambiente en Galicia, Carmen Eiró Bouza, pediu este martes aos veciños que non interveñan na extinción dos incendios forestais polo perigo que unha acción así pode supoñer para eles.

Nunha entrevista na Radio Galega, Eiró Bouza explicou que comprende perfectamente a situación de alarma e desesperación que pode ter unha persoa cando ve o lume, pero pediu precaución con este tema.

Tamén falou do caso do home de Petín que foi detido por prender lume sen autorización para crear unha devasa. Este finalmente quedou en liberdade, aínda que investigado e debendo comparecer cada quince días.

"O risco é moi grave. Parece ser que nese incendio en concreto a saída que había para poder evacuar en caso de que fose preciso pechouse como consecuencia da actuación do investigado", explicou a fiscal.

A fiscal insistiu en que se faga caso aos corpos de seguridade para evitar catástrofes que poidan suceder. Tamén falou do incendio de Oímbra, onde tres bombeiros quedaron feridos, un deles moi grave.

As penas ás que se poden enfrontar

Estes casos, aínda que son diferentes aos incendios provocados intencionadamente, tamén carrexan consecuencias que deben afrontar.

Os comportamentos incendiarios poden ter penas de cárcere e chegar a ter entre 15 e 20 anos en prisión se hai risco para as persoas.

Nun incendio forestal sen moita repercusión, as penas xa poden alcanzar os seis anos de prisión.

Agora está pendente de celebración de xuízo o caso duns incendios na Pobra de Trives con tres detidos, para os que Fiscalía vai pedir 6 anos de prisión.

A Fiscalía Superior de Galicia emitiu en xuño unha instrución interna na que instaba a valorar medidas como a prisión provisional ante comportamentos incendiarios.

Hai quen cre que detrás dalgúns lumes está a man dos brigadistas que queren traballo ou xente que pretende que se recualifiquen os terreos afectados polas chamas.

A fiscal dixo que isto non é o xeral e lembrou que a lei non permite cambiar o uso dun terreo afectado polo lume en 30 anos.

"Queimar para esperar 30 anos é un pouco absurdo. E hai algún brigadista de cando en vez, pero iso non é para nada a normalidade", concluíu. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade