Publicador de contidos

Publicador de contidos

As gasolineiras galegas fan un balance agridoce do novo sistema de descontos

As gasolineiras galegas fan un balance agridoce do novo sistema de descontos

O presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo asegura que unha gasolineira  tivo que pechar

Julio López nega que as estacións subisen o prezo dos combustibles antes da entrada en vigor da rebaixa

G24.gal 02/04/2022 11:08

O presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo, Julio López, fixo un balance agridoce tras o primeiro día de aplicación do sistema de descontos no combustible.

Nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana da Radio Galega, López expresou a súa "alegría" por ver a ledicia da clientela cos descontos, pero ao tempo afeoulle ao Goberno que non se coordinase coas gasolineiras para que o sistema funcionase "mellor". 

"Unha grande alegría de ser colaborador do Estado e ver o contenta que estaba toda a clientela, por facerlles un desconto en colaboración co Estado. A pena é que o Estado non contase connosco para poñer isto en marcha. Sería todo moito mellor".

López asegurou que a adaptación dos sistemas informáticos foi o problema principal e lembrou que as pequenas empresas non estaban preparadas para aplicar este novo sistema.

Non só iso, senón que o presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo afirmou que unha gasolineira do rural galego tivo que pechar porque "non tiña liquidez" para adiantar os cartos nin tiña o sistema informático preparado. 

"Por desgraza pechou unha, si, do rural galego porque non tiña liquidez, non lle deron liquidez para poder empezar e non tiña o sistema informático adaptado para cumprir a norma".

Julio López tamén nega que as gasolineiras aproveitasen os días previos á entrada en vigor do sistema de descontos para subiren prezos. Segundo dixo, "temos un mercado moi regulado" e "a Comisión Nacional do Mercado da Competencia dixo que iso non era certo" e que mesmo os prezos baixaran un chisco. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade