A fata morgana, unha ilusión óptica que levantou edificios na ría de Corcubión
O fenómeno puido verse este mércores nas proximidades das illas Lobeiras, desde a praia do Ézaro
Débese a un cambio de temperaturas nas capas da atmosfera que distorsiona a imaxe
Esta semana a fata morgana apareceu nas illas Lobeiras, na ría de Corcubión e puido verse desde a praia do Ézaro. Varias edificacións parecían emerxer no medio do mar como unha prolongación das illas. Unha ilusión óptica provocada pola diferenza de temperaturas do aire é a que nos fai dubidar de se o que vemos é real ou non.
Con bastante nitidez podían apreciarse este mércores nas illas Lobeiras varias edificacións sobre a auga que incluso parecían unidas por pontes. Ao pouco fóronse diluíndo e deixáronse de ver. Existir nunca chegaron a existir, pero si a ollos de quen as viu.
"É un tipo de espellismo que se dá debido a un cambio de temperatura nas capas da atmosfera. Provoca a refracción da luz que se curva cara abaixo e polo tanto distorsiona os obxectos e incluso reflicte obxectos que están a moita distancia dese punto. Depende moitísimo da propia atmosfera, de como estea o sol e da distancia á que esteamos nós", explica Uxía Vázquez, oceanógrafa da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños
Din os mariñeiros que pescando non é tan raro ver imaxes inexistentes cando volven para terra, pero desde o litoral non recordan outra ocasión en que se visen as illas así.
"Nestes casos moitas veces vemos os obxectos alongados, vertical e horizontalmente, e incluso repetidos varias veces nunha zona. Se vemos un barco pode parecer que non está tocando a auga, que está flotando. Nos embarques pasounos que vimos os cabos que, en vez de continuar a liña do horizonte no mar, parece que flotan", asegura Uxía Vázquez.
Precisamente por ser unha ilusión óptica non se volverá repetir tal cal pero en calquera momento emerxerá outro espellismo sobre o mar.