Publicador de contidos

Publicador de contidos

A familia de Fernández Albor recibe a Gran Cruz da Orde de Carlos III

A familia de Fernández Albor recibe a Gran Cruz da Orde de Carlos III

A distinción, "a condecoración civil máis prestixiosa" de España, foille outorgada a título póstumo, polo "servizo e o traballo eminente a favor da nación española"

EFE/Xoán Rey
G24.gal 01/06/2026 13:09 Última actualización 01/06/2026 13:57

A familia de Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente estatutario de Galicia (1982-1987), recibiu este luns a Gran Cruz da Orde de Carlos III, concedida a título póstumo polo Goberno o pasado mes de decembro.

Esta distinción, "a condecoración civil máis prestixiosa" de España, recoñece o esforzo, a iniciativa, o servizo e o traballo eminente a favor da nación española, lembrou no acto de entrega o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

A insignia foi recollida por Xiana Fernández Albor, neta do expresidente, que estivo acompañada no acto polo seu pai, Gerardo Fernández Albor.

"Unha das lembranzas máis bonitas que teño do meu avó é cando despois de morrer accedemos a aquela bibioteca chea de libros de todo tipo de pensamento e ideoloxía que el subliñaba coidadosamente, e fíxome pensar na importancia de entender todos os pensamentos, de non centrarse só nun" declarou Xiana Fernández Albor, a neta do que foi o primeiro presidente de Galicia na etapa democrática.

"El sempre dicía que viña á política para acreditala, para pensar no ben común. Defendía unha política do sentidiño, afastada do canibalismo e o cainitismo que vemos hoxe", reflexionou o seu fillo Xerardo.

Blanco destacou a valentía de Fernández Albor por asumir o cargo, tras gañar as eleccións, e poñerse a cargo dunha autonomía nova, que daba os seus primeiros pasos.

O primeiro presidente da Xunta e o único desaloxado tras unha moción de censura

O Estatuto de Autonomía foi aprobado en abril de 1981 e as primeiras eleccións autonómicas na etapa democrática, co Estatuto en vigor, celebráronse en outubro dese ano.

En xaneiro de 1982, Fernández Albor foi investido primeiro presidente da Xunta, cargo no que estivo ata 1987, cando foi desaloxado do poder por unha moción de censura.

Pero o expresidente galego foi moito máis que un político, área na que culminou a súa carreira no Parlamento Europeo, lembrou Pedro Blanco, que mencionou a súa "prolífica" traxectoria como médico, europeísta e galeguista.

E é que segundo o delegado do Goberno, Fernández Albor, "un home respectado e profundamente admirado", dixo, "sempre tivo a Galicia no centro da súa vida".

Xiana Fernández Albor agradeceu nunha breve intervención este recoñecemento ao seu avó, de quen lembrou que tiña unha biblioteca inmensa chea de libros de todas as ideoloxías e áreas de coñecemento, algo que tamén viu na súa propia casa, contou.

"Eran libros de ensaio, de filosofía, de relixión; subliñábaos e aprendía", afirmou, e incidiu en que o seu avó era unha persoa cunha bagaxe cultural incrible e que defendía valores como o "respecto ao diferente, a educación e a cultura".

"Tiña uns profundos valores cristiáns e practicábaos, de respecto e amor ao próximo", sinalou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade