A entrega de material ao Sergas redúcese á metade polo paro no transporte
O Servizo Galego de Saúde non rexistra, polo momento, dificultades na atención aos pacientes por causa de problemas de subministracións

As entregas de material sanitario na súa plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde víronse reducidas estes días entre un corenta e un cincuenta por cento polo paro de transportistas promovida pola Plataforma en Defensa do Transporte de Mercadorías por Estrada Nacional e Internacional.
Nun comunicado, o Sergas indica que "está a adoptar medidas co obxectivo de minimizar o impacto" deste paro na subministración de material aos centros sanitarios, dado que, ao longo da semana, foi tendo "unha repercusión importante" no funcionamento habitual da plataforma.
Entre as decisións acordadas por este servizo, está o contacto directo "cos provedores máis importantes que non están a realizar entregas" para tratar de chegar a "posibles solucións" en canto ao transporte.
Ademais facilitaron "acreditacións" distintivas ás empresas con cargas habituais para o Sergas "en que se advirte dunha forma específica de que transportan material sanitario".
Outra das medidas foi a flexibilización do horario de entregas e recepción de material, mesmo con quendas nocturnas.
Polo momento, o Sergas non informa de dificultades por este motivo na atención aos pacientes e usuarios da sanidade pública.