Publicador de contidos

Publicador de contidos

A enquisa das persoas, por Maite Cancelo

A enquisa das persoas, por Maite Cancelo

 O INE constata a recuperación da renda media das persoas do 7,8 % en Galicia e unha redución na taxa de risco da pobreza do 1,9 %

G24.gal 25/04/2023 07:46

O Instituto Nacional de Estatística de España (INE) acaba de publicar a Enquisa de Condicións de Vida realizada no segundo cuadrimestre do ano 2022, que ten como obxectivo comparar a distribución de ingresos e a exclusión social no ámbito europeo e que, en materia de renda e cálculos de pobreza e exclusión social (que dependen dos ingresos), refírense ao ano previo.

Ese ano, o 2021, en materia de crecemento económico caracterizouse por unha lixeira recuperación da caída que experimentamos no ano 2020 cando a pandemia do covid-19 fixo estragos na economía española e o PIB caeu nun -11,3 %. A recuperación do 5,5 % do ano 2021 foi, por tanto, insuficiente para volver aos niveis do ano 2019.

Con relación á enquisa publicada, esta reflicte unha recuperación da renda media das persoas do 6 % en España e do 7,8 % en Galicia e unha redución na taxa de risco da pobreza (medida en función da renda) do 1,3 % no caso estatal e un 1,9 % no galego.

Se analizamos a taxa AROPE que amplía a medida calculada só en función da renda incorporando ademais da situación de risco de pobreza (ou sexa, as persoas que se atopan no 60 % da mediana de ingresos por unidade de produto), as carencias materiais e sociais severas (con carencias en, polo menos, 7 conceptos dunha lista de 13) ou a baixa intensidade do emprego (fogares nos que os seus membros en idade de traballar fixérono menos do 20 % do total do seu potencial), o 26 % da poboación española atópase nesta situación (no caso galego, o 23,6 %), sendo, en ambos casos, un resultado que mellora a situación das persoas previa a crise da covid, presentando os valores máis baixos desde o ano 2018.

Se analizamos a poboación que se atopa en risco de pobreza no ano 2021, a porcentaxe sitúase no 20 % en España e dous puntos menos en Galicia, mellorando, en ambos os casos, tanto o dato anterior como ao previo á pandemia.

Sen estar en risco de pobreza, o 7,7 % da poboación española ten carencias materiais e sociais severas (o 6 % no caso galego), datos nos que se poden profundar aínda máis xa que estas porcentaxes aumentan de forma significativa se se analizan algúns elementos concretos do cuestionario.

Así, o 33,5 % dos entrevistados non pode permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano ou o 35,5 % non teñen capacidade para afrontar gastos imprevistos. Estas cifras, ademais, son máis elevadas que as do ano anterior pero xa están a incorporar os efectos da inflación, xa que se corresponden ao ano 2022 e non ao 2021 como ocorría coa renda.

Con relación á vivenda no ano 2022, case o 76 % dos enquisados teñen vivenda en propiedade (o 78 % no caso galego) aínda que non se especifica cuantos teñen unha hipoteca sobre a mesma polo que non se pode valorar o impacto que as subidas dos tipos de xuro poida ter sobre a tenencia en propiedade. No caso de alugueiro, o 15 % téñeno a prezo de mercado e o 3 % con prezos inferiores ao mesmo.

En calquera caso, haberá que esperar ata a próxima enquisa para ver como o incremento da inflación, e dos tipos de xuro, puido influír sobre estes valores, sobre todo os dependentes da renda e, en calquera caso, aínda temos moito camiño que percorrer para a redución destes indicadores que miden a situación das persoas e non a do conxunto da economía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade