"O chaleco non os fai inmortais, pero si fai que se vexan"
A DXT reparte chalecos reflectores para protexer os colectivos vulnerables
Tres de cada dez vítimas mortais na estrada son peóns, ciclistas ou motoristas
Tráfico pon en marcha unha campaña especial para protexer os máis vulnerables da estrada. Péons, ciclistas e motoristas aos que para a Garda Civil para darlles chalecos e informalos de como convivir cos coches dun xeito seguro.
"O chaleco non os fai inmortais, pero si fai que se lles vexa, é do que se trata. A campaña tamén se dirixe ao condutor, sobre todo que vixile que nas zonas de travesía poden aparecer peóns, ciclistas ou motocicletas", explica Victoria Gómez Dobarro, coordinadora da DXT en Galicia.
Os condutores teñen que cumprir a súa parte, adiantar con distancia, baixar velocidade e extremar a precaución. Pero tamén os máis débiles teñen deberes que facer, comezando por facerse ver nas estradas.
O clima, a dispersión poboacional e as vías interurbanas pegadas ás casas agravan o problema dos atropelos en Galicia. As cifras de vítimas falan por si mesmas.
"Este ano o 33 % das vítimas mortais na estrada son deste colectivo vulnerable, nas estradas da Coruña xa levamos catro motoristas e cinco peóns, mortes facilmente evitables se se cumpren as normas por parte de todos" engade o garda civil Héctor Teixeira.
A campaña en que tamén se informa os motoristas de como previr accidentes, estenderase ata o domingo por toda a xeografía galega.